"O bipartito non ten un código ético, senón un código patético", dixo Alberte Núñez Feijoo este mércores. Pola súa banda, Fraga teimou en que o voto sexa obrigatorio.
"Vemos imaxes de Touriño baixando do seu coche oficial. Ninguén lle pediu que non o usará, pero que non diga que non o vai facer", reprochoulle o presidente do PPdeG ao presidente da Xunta e secretario xeral do PSdeG, "din que non fan inauguracións de obra, pero fan festas para celebrar que rematan obras". Núñez Feijoo criticou tamén a aprobación de obras en campaña por parte da Deputación da Coruña "por valor de máis de 4 mil millóns de pesetas".
O presidente do PPdeG prognosticou que o PPdeG volverá ser o partido máis votado nestas eleccións municipais e afirmou que Touriño "non só será un presidente que non gañou as eleccións, senón que será tamén o primeiro presidente da Xunta que perda unhas eleccións sendo presidente". No mesmo acto, o candidato do PPdeG á alcaldía de Lugo, Xaquín García Díez, denunciou que o actual alcalde "garda no caixón o Plan Xeral de Ordenación Municipal" e prometeu que se consegue o poder fará "un PXOM que non estea de costas aos cidadáns".
Polo seu lado, o ex presidente Manuel Fraga volveu propoñer a "doutrina do voto obrigatorio" como fórmula contra o abstencionismo. Tamén se laiou da existencia de "partidillos pequenos que se permiten asinar con algún grande o Pacto do Tinell", dixo en referencia a Cataluña, recordando que no referendo do Estatut "un catalán de cada cinco votou e catro foron á praia". Por outra parte, Fraga subliñou que os comicios desta semana son "eleccións primarias" e prognosticou que do seu resultado dependerán as futuras eleccións autonómicas e estatais.