Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Municipais07

Xestionado por Vieiros
RSS de Municipais07
Municipais07

PPdeG: o "perdón" polos erros durante a etapa de goberno

"Que ninguén se relaxe e que ninguén pense que isto está feito", pediu Feijoo en Lalín aos simpatizantes do seu partido.

Redacción - 09:00 21/05/2007

O presidente do PPdeG amosouse satisfeito por considerar que os rivais políticos xa non falan "como ao principio de campaña" da posíbel perda para o PP das deputacións de Lugo e Pontevedra e tampouco da posibilidade de que os populares non gobernen en ningunha cidade. Malia todo, chamou ao seu partido a que "ninguén se confíe" aínda afirmando estar seguro de que o PPdeG "vai volver gañar as eleccións".

Logo de desculpar ao PPdeG polos "erros cometidos" durante a longa etapa de goberno na Xunta e subliñar que "quen non recoñece os erros será incapaz de corrixir nunca", solicitoulle ao actual presidente, o socialista Emilio Pérez Touriño, que "sexa máis humilde e menos soberbio". "Será recordado como o presidente que nunca presidiu Galiza", dixo Feijoo de Touriño, ao que acusou de clasificar os galegos entre "bos e malos, de esquerda e dereita, os que están comigo e os que están contra min".

No mesmo acto participou tamén o ex conselleiro Xosé Cuíña, quen asegurou que Lalín conta con autoestrada grazas á súa "convicción" e defendeu que ten "lexitimamente e moralmente o mesmo dereito que os demais" para reclamar a liberación da peaxe da autoestrada. Cuíña asegurou que no seu momento non tivo o apoio "de ninguén", nin sequera do goberno español para a construción dunha autovía, polo que a autoestrada "foi a única solución" para conectar Lalín coa capital. Finalmente, o candidato do PPdeG a repetir na alcaldía, Xosé Crespo, aparcou o discurso diplomático mantido desde a súa responsabilidade na Fegamp antes da campaña para asegurar que "só falta darlle a extremaunción ao Pacto Local", culpando á Xunta dos atrancos no proceso.


1/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: