Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Centos de crimes por resolver en Ciudad Juárez

"Non houbo investigacións reais"

Contundentes son as palabras de Norma Vázquez, feminista mexicana que loita pola xustiza en Cidade Juárez.

Esther Guerrero /Canal Solidario - 08:00 16/05/2007

Norma Vázquez é unha feminista comprometida con esta loita e leva máis de dez anos ofrecendo apoio e asesoramento ás familias das vítimas e fomentando campañas de presión internacional para que esta problemática saia das fronteiras mexicanas e non caia no esquecemento.


Algunhas investigacións apuntan a relacionar ás vítimas coas traballadoras das maquilas. Tendo en conta que estas fábricas son unha das maiores inversións económicas do país, será moi complicado indagar nelas, non?

Exactamente. Contan cunha protección moi forte, hai moitos intereses económicos poderosos detrás que impiden chegar ao fondo da cuestión. As mulleres que veñen aquí fano soas, así que son dobremente vulnerábeis. Moitas desaparicións non se denuncian, e se se fan son moi poucas as que poden facer fronte economicamente a unha loita longa no tempo.


Que pasa coa policía?

As forzas de seguridade desta cidade habería que polas entre comiñas, porque máis que protección o que dan é medo. Non houbo buscas reais, nin ningunha implicación que mereza a pena. Moitos familiares das vítimas denunciaron á mesma policía como autora dalgunhas violacións e asasinatos. Destruíron, queimaron e manipularon numerosas probas e contaminaron escenas do crime. O cártel e os narcotraficantes están moi unidos a estes corpos de seguridade. Non é que os uns persigan os outros, senón que os axudan. E así o denunciaron tamén investigacións do FBI e Amnistia Internacional.


A Procuradoría Federal da República e o Comisionado din que están a tomar cartas no asunto. Viuse algún cambio?

O goberno tívose que comprometer pola presión internacional á que estaba sometido, pero facelo supuña investir diñeiro e fincarlle o dente a un óso moi duro de roer. Realmente non se avanzou apenas. Como di Marcela Alagarde, feminista da cámara de deputados comprometida con esta loita, hai diferentes intereses políticos cos que lidar, ademais da competencia e rivalidades existentes entre os corpos policiais estatais, municipais, e federais. Non se avanzou nas investigacións, nin na prevención.


Se non se pode contar coa policía, que organismos son os que están a loitar?


O certo é que un feminicidio de tal magnitude conta cunha gran solidariedade. Son numerosas as ONGs e Asociacións que denunciaron a situación e dado apoio psicolóxico e económico aos familiares das vítimas, a pesar de ter sido ameazadas e presionadas para que abandonen as investigacións.


UNIFEM reuniuse coa policía, gobernos, académicos, prensa, familiares e realizou un proxecto de corenta puntos para atacar este masacre, hai resultados pola súa parte?

Está niso. Preténdese aclarar os crimes e aumentar a seguridade para frear esta situación, pero a loita dificúltase con obstáculos policiais, xudiciais, gobernamentais...


A violencia contra as mulleres é algo a nivel mundial, búscase xustiza, xa que a maior impunidade maior número de delitos. Juárez pode ser un feito dramático e rechamante, pero non excepcional. É un exemplo da violencia contra as mulleres a nivel mundial.


Debemos seguir presionando e facendo eco desta triste realidade para que a loita non decaia e o seu alento sexa fortalecido.


Máis no Canal Solidario.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: