Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Esixen máis espazos de uso

A Mesa pide o emprego diario da lingua, alén das homenaxes desta semana

Coincidindo coa semana das Letras, A Mesa reclama un emprego regular do galego no ensino, na administración e nos medios de comunicación.

Redacción - 18:16 14/05/2007
Imaxe da campaña d'A Mesa

Imaxe da campaña d'A Mesa

A Mesa pola Normalización Lingüística vai celebrar nesta Semana das Letras Galegas varios actos que serán lúdicos e reivindicativos a un tempo, baixo o lema "Temos lingua propia. Queremos vivir nela".

A Mesa manifestou, que, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas, estanse a celebrar varias homenaxes por toda a xeografía galega á poeta María Mariño e ás Letras, esquecendo que a lingua galega aínda se atopa con retos específicos en varios ámbitos do día a día, coma o ensino, a Administración e os medios de comunicación.

O colectivo cidadán quere facer un chamamento especial á Xunta, e ao seu presidente, Emilio Pérez Touriño, para que "comece a funcionar" a Secretaría Xeral de Política Lingüística e que o Goberno galego dirixa o proceso de recuperación e extensión social do idioma propio de Galiza, alén das homenaxes de todos os anos. Para o presidente d'A Mesa, Carlos Callón, o Día das Letras ten que ser unha xornada para activar a consciencia lingüística e construír novos espazos de uso para o noso idioma, rexeitando "a propaganda vacía, a homenaxe fúnebre á lingua" e o "cinismo" co que os cargos públicos fan "necesario" o emprego do galego só unha vez ao ano, o Día das Letras.

Plan de Normalización
A Mesa reclama novos pasos adiante en canto ao emprego do galego no ensino, cun novo decreto consensuado a cumprir integramente no novo curso escolar; na administración, coa obriga do Plan Xeral de Normalización que o Parlamento aprobou en 2004 por unanimidade; e nos medios de comunicación, a través dun traballo impecábel no emprego da lingua do país, sobre todo nos medios públicos, coma a Galega e TVE en Galiza. No referente a RTVE, A Mesa tamén puxo en marcha unha campaña baseada no ciberactivismo, promovendo o envío masivo de queixas ao Defensor do Espectador.

Coincidindo co 17 de maio, A Mesa tamén demanda, que a Axencia Tributaria dispoña de documentación na lingua propia de Galiza, xa que non se atopa nin nas delegacións nin na súa páxina web. Con este obxectivo, A Mesa iniciou unha campaña de envío de queixas ao Defensor do Contribuínte.

Ademais, A Mesa vai celebrar varios actos durante toda a semana polas vilas e cidades de Galiza, que comezarán en Lugo o martes día 15 e continuarán con dúas concentracións o día 16, na Coruña e en Vigo, e varios actos lúdicos-reivindicativos en Compostela, Ourense, Carballo, Boiro, Silleda... e mesmo en Madrid o 17 de maio, coa lectura pública dos seus manifestos.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: