Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Sétima semana galega organizada por Amarante

Por un comercio xusto e un consumo responsábel

A ONG promoverá este ano o compromiso das institucións en levaren a cabo unha compra pública digna.

Redacción - 14:23 02/05/2007
Xoán Hermida, director de Amarante, e Fernanda Couñago, coordinadora da campaña Roupa Limpa, presentaron as actividades no CIP

Xoán Hermida, director de Amarante, e Fernanda Couñago, coordinadora da campaña Roupa Limpa, presentaron as actividades no CIP

A ONG Amarante organiza do 7 ao 13 de maio a sétima semana galega do comercio xusto. O programa, que xirará arredor dun seminario sobre a compra pública ética, ten como obxectivo acadar un compromiso entre as autoridades e os produtores que garantan unhas condicións laborais dignas para os traballadores de todo o mundo, e concienciar os consumidores para que opten por este tipo de comercio.

O comercio xusto baséase nuns salarios que permitan unha vida digna, iguais para homes e mulleres, sen explotación infantil, con relacións económicas a longo prazo, respecto ao medio ambiente e investimento de parte dos beneficios na comunidade que os xera.

Actividades informativas
O principal eixo da semana será o seminario sobre compra pública ética, que se desenvolverá do 7 ao 9 de maio en Compostela e no que participarán representantes de institucións e de administracións que explicarán cal é o modelo vixente de compra pública e como poden marcar a tendencia na adquisición responsábel.

A segunda actividade, do 9 ao 11 de maio, será un ciclo de charlas por toda Galiza co obxectivo de sensibilizar sobre as desigualdades comerciais entre o Norte e o Sur. Santiago, o mércores á mañá; Melide, pola tarde; Pontevedra, o xoves á mañá; Vigo, á tarde, e Ourense, o venres, serán as sedes das diferentes conferencias.

Degustacións e concertos
O sábado 12, coincidindo co día internacional do Comercio Xusto, desenvolveranse os actos centrais, con degustacións de produtos nas tendas de Amarante en Compostela, Pontevedra e Vigo, máis unha performance e unha campaña de troco de roupa coa colaboración de Verdegaia, postos de comercio xusto, actividades de sensibilización e un concerto de Gustavo Almeida en Pontevedra.

Finalmente, o domingo 13 o grupo Ruxe-Ruxe dará un concerto no bar Aturuxo de Bueu para pechar a semana, durante a que estará aberta a exposición Os fíos soltos da nosa moda na Casa das Letras de Ribadeo.


4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: