O estudo de deseño londiniense amosa a partir do mércores a súa particular visión dos obxectos e dos lugares.
Os espazos oníricos de El último grito estarán a partir do mércores na Galería Sargadelos da cidade herculina. A mostra Make Believe levará á sala coruñesa as imaxinativas interpretacións de obxectos e lugares do estudo de deseño londiniense fundado polos madrileños Rosario Hurtado e Roberto Feo. O seu traballo pódese describir como unha sorte de graffiti en tres dimensións.
El último grito expoñerá até o 16 de xuño unha nova interpretación da súa colección pensada especialmente para a galería que dirixe Yolanda Castaño. Así mesmo, exhibirán reproducións en pequeno tamaño das súas pezas coñecidas como Micos realizadas en cerámica por Sargadelos. Tanto estas como o resto das obras de Make Believe estarán á venda.