Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Xosé Manuel Barreiro, voceiro do PPdeG

“O BNG vai ser fagocitado polo PSdeG”

Barreiro fai a súa particular radiografía da política nacional a poucas semanas dunha decisiva batalla na que xoga moito: a loita pola Deputación de Lugo. Con el, Vieiros pecha os encontros cos voceiros dos tres grupos parlamentarios.

Redacción - 11:00 30/04/2007

Xosé Manuel Barreiro naceu en Lugo en 1957. Licenciado en Ciencias Económicas e Empresarias, é catedrático da Universidade de Santiago. Da man de Francisco Cacharro Pardo entra na política municipal lucense en 1995. Axiña pasa a ser deputado no Parlamento. En xaneiro de 2003, pouco despois da crise do Prestige, Manuel Fraga desígnao conselleiro de Medio Ambiente e en setembro de 2004 vicepresidente segundo. A comezos de 2006 enfróntase inicialmente a Núñez Feijoo para liderar o PPdeG e posteriormente intégrase no novo proxecto como número dous do partido. En menos dun mes saberase se é o sucesor de Cacharro Pardo na Deputación de Lugo. Deste e doutros moitos temas falou con Vieiros.



O Estatuto
O actual Estatuto deu un bo resultado. Ben é certo que ten os seus anos e poida que haxa que adaptalo ás circunstancias que agora ten a sociedade galega. Nós cremos nunha determinada arquitectura no que respecta ao Estado, porque non somos nacionalistas, somos galeguistas e entendemos que Galicia debe participar en pé de igualdade co resto das comunidades na construción do Estado español tendo presente ese principio de solidariedade. Se aplicaramos criterios de finaciamento semellantes ao cupo vasco, tal e como pedía o Bloque, Galicia quedaría nunha situación de desvantaxe”.

O problema é que ese marco constitucional non se estaba disposto a aceptar por parte do Bloque, non o digo como crítica, é unha forza de carácter nacionalista que ten como fin último, nun horizonte alonxado, acadar a autodeterminación e a independencia. O que xa non é comprensíbel é no caso do PSdeG, porque supostamente non é un partido nacionalista e é un partido que debera compartir con PP o modelo de Estado. O que para o PSOE valía en Andalucía ou Valencia aquí non valía, por iso é tan difícil chegar a puntos de encontros”

Dise que se non hai Estatuto é por culpa do PP, se arderon os montes é por culpa do PP, se despois choveu é por culpa do PP...Eu creo que ese discurso non se sostén. Non cambiaron aínda o chip de pasar de oposición a goberno e teñen que ser capaces de presentar propostas conxuntas porque decidiron libremente formar un goberno. A estratexia dos socialistas era tratar de polarizar, poñer nun extremo ao Bloque (que son os que queren ir de separatistas) e no outro extremo os centralistas do PP. Eu actúo de árbitro como non se van poñer de acordo non vai haber Estatuto, porque ao PSdeG non lle interesaba a reforma do Estatuto”.

A corrupción urbanística
A resposta é moi fácil: que se aplique a lei. Se algún alcalde é corrupto que caia sobre el o peso da lei. Que é o que está pasando? É sabido que o PSOE definiu como un dos eixes da súa campaña, con instrucións claras de José Blanco dende Madrid, a cuestión urbanística, quizais para mitigar o efecto de Marbella. Eso deu lugar a unha certa hipocrisía política na aplicación da lei. É imposíbel que unha persoa poida comprender que un alcalde (Foz) firma licenzas para mil e pico vivendas en espazo de horas é imposíbel que dea. Algo está a pasar aí; unha das licenzas, por certo, para un negocio particular del. A Foz aplicábanselle unhas medidas e a Barreiros outras”

O PSdeG sae o outro día dicindo que non debe haber candidatos promotores, como dícía un do meu pobo: Mexoulle un can no camiño, porque o día seguinte sae un candidato en Bande que ten sete promotoras. Hai que ser un pouco rigorosos. O principal valor dun político é a credibilidade”

Lingua
Até o de agora non existía conflito lingüístico, existía unha perfecta harmonía”
O idioma é un dos nosos principais sinais de identidade e polo tanto ten que ser un referente sempre. Dito esto eu son dos que defendo que o idioma é un elemento de comunicación, nunca pode ser un elemento de confrontación. Creo que non é bo buscar fórmulas que provoquen esta división, nalgún sitio tense feito e eu creo que iso non axuda a que exista un maior coñecemento e un maior uso da lingua”.

A min paréceme que até o de agora non existía conflito, existía unha perfecta harmonía, iso que se acuñou como bilingüismo harmónico. Existe campo suficiente para avanzar no respecto ao marco constitucional. Non podemos utilizar o idioma como unha arma de confrontación porque co tempo imos propiciar un efecto negativo. Nalgunha situación, en xente nova, estase producindo un efecto de rexeitamento cara o idioma pola maneira de abordar a súa aprendizaxe”

Medios de comunicación
Nós entendemos que si é momento de falar do tema, e ademais iso aparece no programa de goberno de PSOE e BNG. Pero semella que quen non está agora moito pola labor son eles. Eu creo que nun estado democrático é moi importante que existan medios de comunicación públicos, pero non medios gobernamentais que é no que se transformaron na actualidade.

Tampouco son tan inxenuo como para non recoñecer que a información que aparece nos medios públicos a miúdo ten un sesgo máis pro-goberno sexa cal sexa o goberno que estea. Iso vai ocorrer goberne quen goberne e por iso non digo que non teña acontecido cando o facía o PP. Pero o de agora creo que non ten parangón en ningún país do mundo. Eu convido a facer unha proba moi simple: coller o cronómetro e ver os tempos que os informativos me adican a min, que son voceiro dun grupo con 37 parlamentarios, ao señor Rego, con 25 deputados e ao señor Aymerich, con 13 deputados. Por outra parte, hai exemplos significativos: eu recordo cando a TVG abriu un informativo contando que o alcalde de Abegondo ía nunha lista independente porque o PP escollera como candidato a quen xa fora alcalde antes e despois estivera de conselleiro. Iso é noticia, pero non creo que de tanto interese como para abrir.

Eu non digo que a situación anterior nos medios públicos fose idílica, que seguro que non o era, pero penso que se miramos esa cronometraxe de tempos, si era mellor antes. Hai uns grandes profesionais en radio televisión, pero están sendo presionados. E cando se trata de sacar ao PP, o que fan é que se existe unha compoñente negativa cara ao partido é máis probábel que o vaian sacar.

Deputación de Lugo
 Eu creo que se fixo un uso político por parte do anterior fiscal. Son feitos que están pendentes de resolución xudicial e eu convido a analizala cando se produza. O que acontece é que o anterior fiscal actuaba de xeito diferente tratándose do PP respecto ao doutras forzas políticas. Lembremos que os casos levados contra alcaldes do PP estanse resolvendo con sentencias favorábeis aos alcaldes. Pero o dano xa está feito, tanto no terreo político como persoal e familiar. Onde están agora as responsabilidades? Foi unha actuación partidista. Eu non teño ningún tipo de dúbida respecto á legalidade das actuacións levadas a cabo na Deputación de Lugo.

Reforma das deputacións
Eu son defensor da continuidade das deputacións. Primeiro, porque a Constitución así o estabelece. Segundo, por unha cuestión de necesidade, e máis se un ten en conta a situación territorial en Galiza e a organización dos concellos fai necesaria unha estrutura maior que apoie os municipios. Por exemplo, a Deputación de Lugo xestiona a maior rede viaria do Estado español. Tamén en Lugo, o campus universitario non sería posíbel sen a participación da Deputación e a institución tamén leva adiante a maioría de iniciativas medioambientais da provincia. Fan unha labor moi importante e actúan en situacións que sobrepasan o ámbito local.

Nas súas últimas declaracións, desde o PSOE o propio Xosé Blanco recoñece ver moi difícil conseguir o goberno da Deputación de Lugo. E polo que parece agora mesmo confiarían máis en obter Pontevedra, segundo manifestan. Eu non teño ningunha dúbida de que o PPdeG vai manter a Deputación de Lugo. Eu creo que seguiremos controlando as de Lugo, Ourense e Pontevedra e vexo posibilidades reais de recuperar a da Coruña.

Avaliación do bipartito
A perda do goberno da Xunta non lle vai pasar factura nas municipais ao PP. Xa se está percibindo unha situación insostíbel no goberno galego. Hai dúas persoas, Touriño e Quintana, nunha competencia terríbel por chegar á foto, contraprogramándose actos. Podemos admitir que PSOE e BNG teñan diferencias, pero deben ser capaces de demostrar a conformación dun proxecto conxunto. Hai que cesar todo un equipo de Sanidade, hai unha catástrofe medioambiental nos montes e non pasa nada. A sociedade galega comezará a responder a iso nas municipais. En Lugo penso que imos ser a forza máis votada. Non é admisíbel por exemplo que gobernando xa oito anos, os catro últimos con maioría absoluta, o señor Orozco se presente vendendo proxectos con oito anos de antigüidade, que deixou deseñados no seu momento o goberno do PP, como é o caso do auditorio. E hoxe Lugo segue sen auditorio.

Hai un problema de raíz, e é que non temos presidente do goberno, e cando iso pasa, todo falla. Touriño usa continuamente a frase "o goberno que eu presido", semella ter unha necesidade de reafirmarse, xa que en realidade, parte do goberno non está despachando co goberno da Xunta: hai unha serie de conselleiros que non lle renden contas. Isto non ten pés nin cabeza. O único elemento que os une é a necesidade de sosterse no goberno, pero a partir de aí non existe ningunha coordinación. A política de vivenda vai polo seu lado e contradí o que lle toca en planeamento a Política Territorial; a Cidade da Cultura pasa a ser un referente despois de todo o que dixeran dela... Non hai nada que amalgame, hai unha coalición de intereses, non un goberno.

A situación do PPdeG
As quinielas dos medios agoiraban no último congreso do PPdeG unha desfeita, pero o partido saiu reforzado. Houbo debate interno e saíu un congreso modélico do que non serían capaces nin PSdeG nin BNG. Un proceso superado con moi boa nota e do que saímos cun líder forte.

Temos un proxecto político para este país e temos unha forma determinada de artellalo de como Galiza debe estar no resto do Estado. Defendemos comportamentos similares aquí, en Valencia ou Andalucía, dun xeito que o PSOE non é capaz de facelo. Desde o punto de vista da participación na construción nacional coincidimos en todo o Estado. Somos coherentes, mentres o PSOE busca rédito electoral inmediato, da man do seu estratega Pepiño Blanco coñecido por ter gañado varias veces en Palas de Rei.

Nunha ocasión preguntáronme noutro medio polo da boina e o do birrete e eu acuñei a frase "son do boirrete", porque son fillo de labrador pero cheguei a catedrático universitario. Nunha forza política que quere parecerse o máis posíbel o que é a sociedade galega ten que haber de todo. É normal que haxa sensibilidades diferentes nun partido arredor de cuestións particulares, sempre e cando exista ese nexo de unión. Penso que a principal achega de Fraga en Galiza foi o sentimento galeguista que hoxe ninguén lle nega ao PPdeG. E iso foi unha das causas de que aquí non se consolidasen forzas nacionalistas do tipo de CiU en Cataluña ou o PNV no País Vasco. Iso non o ten o PSOE, porque é moi difícil manter o discurso galeguista só no papel.

Non é certo iso de que agora hai máis seguidismo con Madrid no PP galego, iso xa llo dicían tamén a Fraga. Se un analiza en profundidade vese que non é así. Eu considérome unha persoa comprometida con esta terra e cos seus sinais de identidade, e penso que iso é o que significa o espírito galeguista, pero non teño dificultade, problema nin trauma en dicir que son español, e non pasa nada porque iso sexa así. Determinadas posicións nacionalistas só obedecen á miopía.

Pactos
Eu penso que o BNG vai ser fagocitado polo PSdeG. Eu prognostiquei no seu momento o que lle ía pasar ao Bloque en Lugo, onde gobernaba cos socialistas e pasou a ter a metade de concelleiros. A miña impresión é que do mesmo xeito este tempo no goberno da Xunta vaille pasar factura importante ao Bloque. E é probábel que iso comecen a sufrilo xa nas eleccións municipais.

Agora mesmo estase vendo unha actitude de entreguismo no Bloque, que só responde a un obxectivo: estar no goberno. Iso non é bo. Chegará un momento onde o PP sexa forza maioritaria e poida negociar cuestións puntuais co BNG, porque ese tipo de cousas explican o sentir democrático. Iso sería unha forma de madureza democrática do país. Pero na actualidade aínda é difícil.


3,8/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: