Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Aposta por políticas lingüísticas máis decididas

Nova Escola Galega alerta de que o decreto non abonda para inverter a situación

Considera a nova normativa para galeguizar o ensino é máis un conxunto de medidas paliativas ca un proceso de normalización real

Redacción - 20:46 18/04/2007

O movemento asociativo de base Nova Escola Galega vén de publicar este mesmo mércores na súa páxina electrónica un informe sobre a normalización lingüística no ensino. No mesmo analízase o último decreto aprobado polas tres forzas parlamentarias, que garante un mínimo dun 50% das materias na nosa lingua. O colectivo pedagóxico conclúe que a normativa, aínda que significa un paso adiante, non é suficiente para inverter a grave situación que sofre o galego nas escolas e institutos: “Consideramos que, para dar resposta axeitada a situación actual, analizada dende unha perspectiva global e tomando en conta os indicadores da evolución sociolingüística, serían necesarias medidas moito máis avanzadas e decididas”.

Dende Nova Escola Galega sinalan que o decreto non se pode considerar como normalizador e explica que, máis ben, ten como fin “medidas de promoción ou paliativas de déficits na aplicación da normativa anterior”. En xeral, o colectivo bota en falla medidas que favorezan o avance e consolidación dos proxectos lingüísticos dos centros educativos: “Descansar só na boa vontade pode supoñer que o avance dun curso sexa retroceso no seguinte”.

Formación do profesorado e mobilización social


Tamén se fai constar que é necesario un cambio radical na formación inicial e permanente do profesorado: “Non é posíbel que o profesorado siga saíndo das facultades sen un perfil claro de competencia lingüística e de coñecementos axeitados sobre sociolingüística aplicada ao ensino. Como tampouco se pode considerar apropiado o sistema de acceso do profesorado que non garante estes aspectos”. Tamén sinalan a contrariedade polo feito de que sexan os inspectores educativos os encargados de velar polo cumprimento do decreto despois de que este sistema demostrase que non valeu para que funcionase o decreto aínda en vigor.

A análise de Nova Escola Galega vai acompañada de indicadores sociolingüísticos dos últimos anos nos que se fai constar a curva decrecente do galego como lingua inicial e a “galopante” castelanización dos últimos quince anos. Dende o colectivo pedagóxico insisten en que o problema da normalización da lingua é “un problema de dimensións considerábeis, que precisa facerse explícito e require a adopción de decisións urxentes que mobilicen á sociedade”.


Ligazóns

4,2/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: