O xefe do Estado Maior turco, o xeneral Iasar Buyukanit, pediu unha "decisión política" que axilice o permiso para unha "operación transfronteiriza" no Curdistán.
Na súa primeira intervención pública desde que hai case un ano chegara ao cargo, o xefe do exército turco insistiu en que o goberno debería autorizar xa unha operación contra o norte de Iraq. Buyukanit advertiu de que actualmente os grupos guerrilleiros curdos gozan de "gran liberdade de movementos" na zona.
Desde a beira iraquí do Curdistán, o presidente do goberno autónomo curdo, Massoud Barzani, criticou que Turquía teime en entremeterse nos asuntos que non lle atinxen. No fondo abrolla a presión sobre Kirkuk, enclave petrolífero que os curdos de Iraq pretenden poñer definitivamente baixo o seu control. O elevado número de empresas turcas que xa traballan nesa área e o gran volume de negocio que xeran, podería acelerar unha operación militar turca para tentar conseguir o control á súa vez.