Ponte... nas Ondas! lanza unha convocatoria aberta a todo o profesorado: trátase dun curso en que se impartirán nocións básicas acerca da produción radiofónica en Internet, e como empregarmos esta ferramenta para complementar o ensino.
Unha lúa como a de Meliés é o logo do curso
A primeira das xornadas do curso que convoca Ponte... nas Ondas! é xa este xoves, 12 de abril, na Sala de Graos da Facultade de Telecomunicacións do Campus das Lagoas (en Marcosende, Vigo): de 17.00 a 20.00, o profesor Vicente Goyanes ensinara ao alumnado as técnicas de elaboración e distribución de son pola rede: iniciación á gravación, microfonía e mesas de mesturas, gravación dixital, edición e programas. A próxima data, na mesma sala e ás mesmas horas, será o 3 de maio, xa centrada na distribución de son por internet: elaboración de pod cast, emisión de radio por internet, audioclases e programas de edición.
Finalmente, o curso rematará coa emisión da XIII Xornada de Radio Interescolar Ponte... nas Ondas!, na Sala de Conferencias da Biblioteca Central, o 1 de xuño: alí poderanse coñecer in situ os procedementos para a emisión de pod cast, producións en directo, audio á carta, etc., a partir das 10.00. Para apuntarse abonda con cumprimentar o boletín de inscrición que vai xunto e envialo a informacion@pontenasondas.org, ou ben chamar por teléfono a Xerardo, ao 635 499 900.