Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Predición de Meteogalicia

O bo tempo vai acompañar a macroponte

Quen non poida ou non queira abandonar o país estes días gozará do efecto dun anticiclón que durará até o domingo.

Redacción - 13:36 04/04/2007

Segundo a predición de Meteogalicia, a xornada do mércores será de transición, con alternancia de nubes e claros e precipitacións febles na Mariña. As temperaturas manteranse estábeis ou en lixeiro aumento, e non pasarán dos 18 graos previstos para Pontevedra. Os ventos serán moderados do nordés e de compoñente norte nas Rías Baixas.

A partir do xoves producirase unha melloría do tempo, con sol e tempo estábel pola influencia dun anticiclón situado ao sur das Illas Británicas. Os ceos estarán máis despexados canto máis ao sur. Porén, as temperaturas serán suaves e mesmo frescas, con máximas de 16, aínda que no interior non se chegará aos 10, e mínimas de non máis de 5 graos ou mesmo 2 baixo cero en Pedrafita.

A situación repetirase o venres, con ventos frouxos do nordés que aumentarán a moderados pola tarde. Nas bisbarras do interior formaranse nubes de evolución nas últimas horas do día. Ese día subirán as temperaturas, con máximas previstas de 20 graos en Ourense e Pontevedra. As mínimas ascenderán, aínda que non pasarán dos 9graos en ningún punto do país.

Fin de semana
Para o sábado prevese que se manteña a influencia das altas presións, con ceos pouco nubrados ou despexados e nebulosidade de evolución pola tarde en zonas altas do interior. Os ventos seguirán a ser do nordés da Mariña e variábeis nas Rías Baixas. As temperaturas poderán aumentar lixeiramente, até os 21 graos en Ourense, 20 nas zonas costeiras da provincia de Pontevedra, 19 en Compostela e 18 na Coruña, Ferrol, Fisterra e Monforte. Pedrafita acadará os 10 graos.

O tempo volverá cambiar o domingo, cun aumento da inestabilidade, máis nubes e treboadas no interior e na montaña.


Ligazóns

5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: