Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
ENTREVISTA Nº 739

Conversa con Pedro Castelao, director da revista Encrucillada

Pedro Castelao. Naceu en Santa Uxía de Riveira o 12 de outubro de 1975. Estudou en Santiago de Compostela e Madrid. Na actualidade é profesor de Teoloxía Sistemática na Universidade Pontificia Comillas. Casado e cun fillo.

Pedro Pedrouzo Devesa - 22:41 14/03/2007

Cando coñeciches Encrucillada?


O primeiro número de Encrucillada penso que o lin cando estaba no Instituto de Riveira. Andaba entre os 16 e os 17 anos, en 2º de BUP. O noso profesor de Relixión era D. Francisco (Paco de Aguiño) e recordo que deixaba as revistas na biblioteca á nosa disposición. Nas clases falábanos da crítica da relixión de Feuerbarch, Marx, Freud e Nietzsche e o seu desafío ó cristianismo. A min impresionoume a posibilidade de que todo o que crera desde neno puidera ser unha mera proxección, un alienante consolo, unha superestructura represora ou un mero platonismo vulgarizado. A isto xuntouse que estaba preparándome para a confirmación e precisaba respostas. En Encrucillada atopei teoloxía seria que, o mesmo tempo, era quen de entender.


Que foi o que máis te chamou a atención dela?


Gustoume moito o seu formato, pero o que máis me sorprendeu foi que estaba toda en galego e que era unha revista de pensamento cristián. Ler na biblioteca do Instituto de Riveira unha revista explicitamente cristián e galega, e máis na adolescencia, supuxo para min o inicio dun proceso de búsqueda da propia identidade e de autoafirmación.


Como decidiches comezar a traballar nela?


Cando rematei a tesina de licenciatura en teoloxía deilla a Andrés Torres Queiruga. Xa fora alumno del no ITC, pero agora eu xa estaba na U. P. Comillas. Leuna moi amablemente e parece que non lle disgustou de todo. De feito, foi el quen me propuxo entrar a formar parte do Consello de Redacción. A min fíxome moita ilusión e incorporeime de inmediato ainda que xa vivía en Madrid.


Cal pensas que foi a principal virtude de Encrucillada neste tempo?


Encrucillada é unha revista que soubo manter, durante estes trinta anos, un acaído equilibrio entre unha opción incondicional por Galicia e un cristianismo actualizado polo Vaticano II. Por iso é unha revista galega de pensamento cristián. Unha das súas maiores virtudes, ó meu ver, consiste en que leva trinta anos publicando ininterrumpidamente, de xeito bimensual, longos e serios estudos de teoloxía fundamental, dogmática, escritura e historia. Son traballos onde o rigor científico non está rifado coa expresión sinxela e a síntese clarificadora. Ó mesmo tempo achega experiencias máis vivenciais de praxe e espiritualidade. Tamén creo que é moi importante a labor cronística que fai. Encrucillada conta con seccións fixas onde se consignan noticias e reflexións sobre política, cultura e Igrexa. Facer isto durante tres décadas convirteuna nunha testemuña privelixiada da nosa historia.


Que papel pensas que debe xogar Encrucillada na actualidade?


Os tempos de hoxe non son os dos nacemento da revista. Á primavera eclesial do Concilio sucedeulle un longo outono do que ainda non saimos. Sen embargo, a saúde de Encrucillada é boa. O papel de Encrucillada hoxe penso que debe ser manter aceso o facho da mensaxe cristiá libre de terxiversacións superficiais e de oscurantismos trasnoitados. Penso que debe amosar que existe unha teoloxía que está a altura do s. XXI, que Xesús de Nazaré ten permanente actualidade, que os homes e as mulleres de hoxe non podemos prescidir da dimensión relixiosa da existencia e que, en definitiva, non podemos vivir de costas ós empobrecidos e excluidos do planeta.


Como funciona Encrucillada?


Encrucillada é un proxecto colectivo. A súa organización é do máis sinxelo. Está composta por dous órganos que dependen un do outro. O órgano máis numeroso é o Consello de Redacción. Está composto por persoas de toda Galicia e reúnese unha vez cada dous meses. Alí tómanse as decisión fundamentais da revista: temas, artigos, autores, etc… Despois está a Mesa de Redacción. A Mesa formámola sete persoas que coordinamos máis de preto o traballo e concretamos o acordado no Consello. Na Mesa faise a edición da revista e lévase todo canto afecta á secretaria e administración. Como ves, trátase dun funcionamento claramente democrático e participativo onde todo o mundo ten voz e voto.


Cales son os retos que vos propuxestes coa revista con relación á tirada, temática, orientación, opinión?


Encrucillada ten unha tirada duns mil cincocentos exemplares. A temática e a orientación non van sufrir cambios significativos, xa que o novo equipo identíficase sustancialmente en case todo co equipo que nos precede. Posiblemente se poda introducir algunha modificación ou algunha nova sección que complete o traballo que xa se está a facer. De calquera xeito será en continuidade co anterior.


Nun tema tan controvertido como a relixión, que pode aportar Encrucillada aos que nos consideramos crentes, á convivencia con membros doutras relixións e culturas, á nosa forma de entender a relixión, á relación coa xerarquía eclesial, á nosa maneira de convivir na sociedade?


Os crentes atoparán en Encrucillada unha reflexión seria e adulta sobre a sociedade, a cultura e a relixión en Galicia e no mundo. Atoparán, tamén, achegamentos sinceros e particulares sobre outras relixións a fin de minguar o noso descoñecemento e contribuir a derrubar muros de separación. Entenderase, pois, a relixión como unha dimensión ineludible da vida (no nacemento, na morte, etc…) que paga a pena tomar en serio. Posiblemente axude, tamén, a acadar a maioría de idade que debe ter todo bautizado que pense, actúe e crea de forma persoal e autónoma. A relación coa xerarquía non ten porque ser negativa, máis ben ó contrario. O que desde logo non será é acrítica, sumisa ou premoderna. Todo isto pode axudar a clarificar o papel da relixión na sociedade actual. Actualmente está sobre a mesa o debate acerca da presenza pública da relixión ante o desafío do laicismo ou secularismo. Xustamente este é o tema que imos tratar en profundidade o 27 de outubro no noso próximo Foro.


4,2/5 (15 votos)