Pierre Ianni asegura que non haberá redución de persoal xa que a factoría é unha das máis competitivas do grupo.
Ambos dirixentes mantiveron unha xuntanza en Monte Pío
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño recibiu este luns en Monte Pío a Pierre Ianni, substituto de Javier Riera á fronte da planta de PSA Citroën de Vigo. Os dous dirixentes referendaron o seu compromiso de reforzar a cooperación institucional para consolidar a factoría viguesa como un referente na industria automobilística.
O novo directivo asegurou en conferencia de prensa posterior á xuntanza que vai manter o nivel de emprego existente na empresa. Segundo Ianni, o plan de redución de custes, que previsibelmente se aprobará en maio, non conterá “nada substancial nese campo”.
Neste sentido, comentou que “non haberá nada de importancia porque a planta de Vigo xa fixo moito a nivel de competitividade e de custes comparado con outras plantas”, e engadiu que “por suposto, tempo que acompañar o plan de redución de custes do novo presidente, pero farémolo na nosa medida”.
O novo director de PSA aproveitou a xuntanza con Touriño para expresar o seu “compromiso” coa factoría de Vigo, aínda que lembrou que debe ser conxunto, “da empresa, dos empregados, dos provedores, pero tamén das institucións que nos apoian”. Así, agradeceulle ao xefe do executivo galego o seu apoio “porque solos non podemos lograr os nosos obxectivos e levantar os desafíos que se presentan cada día diante de nós”.
Pola súa parte, Touriño destacou logo da xuntanza a importancia de Citroën Vigo na economía galega. Neste sentido, destacou que a planta viguesa é responsábel de máis do 20% do PIB e máis do 30% das exportacións galegas, ao tempo que xera arredor de 10.000 empregos directos e sustenta o clúster da automoción, o que cualificou de “emblema” de Galiza.
“Citröen ten aportado a Galicia aprendizaxe, innovación, cultura empresarial e, por enriba de todo, hoxe é unha empresa que forma parte do país”, sinalou o presidente galego. Insistiu ademais na disposición da Xunta a seguir colaborando “activamente” e impulsar esa cooperación a través “de todas as canles e mecanismos de cooperación ”para favorecer “a actividade, a innovación e a potencia” e que Citroën siga sendo a “referencia” na industria.
Nesta liña, Touriño sinalou que recentemente se asinou un convenio de colaboración por valor de 20 millóns de euros para potenciar a competitividade neste sector e confirmou que Ianni lle trasladou un escenario “positivo, de aposta e confianza no diálogo social” para a factoría viguesa.