A Sanidade pública galega lidera os estudos sobre Fisiopatoloxía da Obesidade e Nutrición do consorcio médico-científico.
O Consello da Xunta acordou este xoves a inclusión da Sanidade pública galega no Consorcio do Centro de Investigación Biomédica en Rede (Ciber) estatal. A Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde formalizan deste xeito a participación dos seus equipos de investigación en dous dos sete Ciber: o de Bioenxeñaría, Biomateriais e Nanomedicina, e o de Fisiopatoloxía da Obesidade e Nutrición, este último liderado pola Sanidade pública galega.
Con esta medida, materialízase a inclusión da Consellería de Sanidade nas estruturas estábeis de investigación cooperativa, promovidas a nivel estatal polo Ministerio de Sanidade e Consumo a través do Instituto de Saúde Carlos III.
Este organismo impulsa a investigación en Biomedicina e Ciencias da Saúde, mediante o desenvolvemento e potenciación de estruturas estábeis de investigación cooperativa en rede. Con este fin crea os Ciber que, a súa vez, teñen como obxectivo a investigación monográfica sobre unha patoloxía e problema de saúde determinado.
Obesidade e nutrición
O Ciber de Fisiopatoloxía da Obesidade e Nutrición, que está liderado pola Sanidade pública galega, conta cunha dotación orzamentaria para o 2007 de 3.240.000 de euros. Desenvolve actividades de investigación relacionadas coa obesidade, a nutrición e o exercicio físico, tanto dende un punto de vista xenético como de sexo ou de idade.
Os Ciber teñen o obxectivo de producir resultados rapidamente trasladables á sociedade tanto no que se refire á mellora da asistencia sanitaria en forma de novas tecnoloxías.