Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
OPINIÓN

Pensando no Día Internacional das Mulleres

O século XX marcou un fito na loita pola igualdade real entre mulleres e homes. Rosa Álvarez, decana do Colexio Oficial de Psicólogos, e Concha Fernández, da Comisión Intersectorial de Xénero do mesmo colexio, fan un repaso da situación actual.

Redacción - 05:26 08/03/2007

Pensando no Día Internacional das Mulleres

Nestas datas de celebración e reivindicación arredor dos dereitos e liberdades que paso a paso, día a día, fomos conseguindo as mulleres nas sociedades democráticas dende aqueles primeiros días de marzo de 1909, non podemos deixar pasar a ocasión para analizar aqueles aspectos nos que ainda seguimos lonxe de conseguir un trato respectuoso e xusto.

Conseguida en boa medida a igualdade formal quedan aínda pendentes clásicas reivindicacións do feminismos do s. XX como a igualdade real no exercicio dos dereitos políticos e económicos, dereitos reproductivos, liberdade sexual, e outras vindicacións de nova nomenclatura como a paridade política, a corresponsabilidade e a conciliación da vida persoal, laboral e familiar.

Mais a violencia contra as mulleres, segue a ser sen dúbida nengunha o máis inadmisíbel e cruo padecemento das mulleres e das sociedades actuais. Detrás do asasinato de cada muller vítima de violencia machista agóchanse cómplices e arraigadas formas socioculturais de entender o papel de homes e mulleres, desiguais relacións de poder e dominio de uns sobre outras e, tamén formas de entender as relacións interpersoais e afectivas que confunden sentimentos con dependencias, que xustifican o control e abuso psicolóxico como manifestación de compromiso.

Por iso é tan lento e dificultoso sair e superar relacións violentas e perigosas. Porque a sociedade non recoñece as desigualdades de poder e normaliza a presión que soportamos as mulleres nas relacións interpersoais e afectivas que responden a ideas erroneas sobre o amor e o compromiso e que progresivamente van minando a autoestima e autonomía das persoas implicadas.

Delicada e complexa situación que compre enfrontar con todo o rigor e con todos os recursos. É necesario pero non suficiente esixir recursos institucionais para a prevención e protección das vitimas. Fai falla ir máis alá e implicar a toda a sociedade na prevención e eliminación da violencia de xénero, comenzando polas propias mulleres.

As mulleres temos que procurar a solidariedade e organizarnos, recuperar colectivamente o protagonismo e outra vez traballar a autoestima e liberdade persoal, abandoando os vellos estereotipos de debilidade e docilidade e protexernos do paternalismo e da victimización, que poden derivarse da maneira en que enfrontamos as desigualdades e violencia que sufrimos.

Hai que implicar e esixir o compromiso dos e das profesionais, que dende a educación, a psicoloxía, a avogacía, a xustiza, o xornalismo ou a publicidade contribuímos cada día a construír a realidade e temos a obriga ética de participar na formación de cidadás máis respectuosos e capaces de convivir en igualdade e xustiza.

Desde a nosa profesión, a psicoloxía, queremos contribuir a erradicar todas as formas de violencia que soportamos as mulleres. Desde diferentes ámbitos de intervención, as e os profesionais da psicoloxía, procuramos dar unha resposta profesional útil para abordar este grave problema. Estamos convencidas de que as iniciativas e prácticas profesionais de promoción da igualdade son a mellor prevención contra violencia e necesarias para avanzar cara unha sociedade máis xusta e igualitaria.

Por iso resulta tan lamentábel que nos últimos tempos tamén a violencia contra as mulleres se teña convertido en obxecto de confrontación partidista, escenificando unha extrema forma de violencia verbal (característica moi masculina, por certo) entre quen debera dar exemplo de cooperación e rigor para resolver un serio problema de estado, de vida ou morte, por ser unha das principais causas de morte das mulleres novas e causa de vergonza ética e moral da nosa sociedade.


4,75/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: