Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A Consellería presenta o inventario de vertidos do país e un plan de acción

Medio Ambiente financiará ás industrias que renoven os equipos de depuración

A Consellería de Medio Ambiente presentou este luns o inventario de vertidos de Galiza e o plan de acción para reducir o impacto destes -case cinco mil- nas canles fluviais, cando se cumpre medio ano do vertido tóxico no río Umia. Ademais, anunciouse a apertura dunha liña de axudas económicas para que as industrias actualicen os seus equipos de depuración.

Redacción - 18:35 05/03/2007
O río Umia sufriu un vertido tóxico o pasado verán / Greenpeace

O río Umia sufriu un vertido tóxico o pasado verán / Greenpeace

A principios do mes de setembro de 2006, o río Umia sufría un vertido tóxico chegado da factoría química Brenntag. Logo de se cumpriren seis meses daquel suceso, a consellería de Medio Ambiente, que dirixe Manuel Vázquez, presentou este luns un inventario en que figuran rexistrados o total de incidencias deste tipo que habitualmente sofren os ríos de Galiza.

O titular de Medio Ambiente anunciou a súa vontade de colaborar con todas as industrias para actualizaren os seus equipos de depuración, mesmo coa apertura dunha liña de axudas económicas para esta fin. Porén, Manuel Vázquez afirmou que xa non haberá máis impunidade para as empresas reincidentes ou que non cumpran a normativa de calidade das augas.

Case cinco mil focos
Segundo os datos aportados, existen 4.590 puntos de vertidos no país, a maioría procedentes de núcleos urbanos cunha densidade alta de poboación e con industria. Do total, 3.231 están considerados como domésticos, principalmente procedentes de depuradoras; 1.056 son industriais, e os 303 restantes están derivados dos labores agro-gandeiros, da chuvia e da refrixeración.

Por demarcacións hidrográficas, a maioría están situados en "Galiza Costa", con 2.641 verquidos; séguelle a "Confederación Hidrográfica do Norte", con 1.878; e a "Confederación do Douro" (comarca de Verín e sur da de Viana), con 71. O Ulla, que forma parte da primeira, é o río que conta con máis de focos, concretamente 507.

Plan de acción
O plan de acción para o control dos vertidos anunciado este luns por Manuel Vázquez prevé a solicitude dun número maior de requisitos para acadar unha autorización. Ademais, vaise crear unha unidade de control formada por un total de 24 técnicos, 150 vixiantes ambientais de conservación da natureza e 32 gardas fluviais, do organismo Augas de Galicia, que terá o labor de localizar e identificar os focos dos derrames.


Documentos

0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: