Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MÉNDEZ ROMEU ANUNCIA QUE COMPARECERÁ NO PARLAMENTO PARA FALAR DO 'OSTEDIJK'

O informe da Xunta determina que o contido do cargueiro holandés non é perigoso

O conselleiro de Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu, informou o xoves no Consello da Xunta das actuacións que desenvolveu a Administración para resolver o incidente do cargueiro holandés 'Ostedijk'. Segundo o documento que presentou, os gases que proceden do buque non son perigosos, e dá detalles sobre os efectivos despregados na zona.

- 18:40 22/02/2007
Tags:

O informe explica que, dende que a Xunta recibiu o sábado 17 o aviso do Ministerio de Fomento e da Delegación do Goberno central, constituíu un comité reitor para estudar o avance dos feitos. Nun primeiro momento determinou que non se daban as circunstancias para activar o Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña de Galicia. Malia isto, xa o martes, con carácter preventivo, activou os grupos operativos de resposta, despois do inicio das operacións de arrefriamento da carga e o seu desprazamento a unha zona de abrigo.

O martes á tarde constituíronse os grupos de resposta encargados de controlar a seguridade na zona de operacións, medir a calidade do aire e a posíbel propagación dos gases, tomar as medidas preventivas nas vilas da área de influencia e activar unha prealerta de efectivos de protección civil.

Efectivos dispoñíbeis Pesca ten dispostos na zona o helicóptero Pesca 2 e o buque de apoio Irmáns García Nodal, mentres que Medio ambiente conta con dúas estacións móbiles de medición da contaminación atmosférica: unha en Celeiro e outra no Vicedo. Os valores que se recollen cada cinco minutos dende o martes ás nove da noite están moi por debaixo dos limiares de contaminación, segundo o informe. Tamén se reflicte que o buque se trasladou a unha zona de gran abrigo para case todas as direccións do vento para evitar que os gases cheguen até a poboación.

Para analizar a situación, o mércores á mañá trasladáronse até o barco seis tripulantes de Sasemar e dous do buque, que abriron a bodega afectada para ventilala. Dous voos de helicóptero fixeron termografías para detectar os focos principais de calor. Pola tarde, tomáronse mostras dos gases e dos sólidos para a súa análise no laboratorio de Medio Ambiente, e o xoves preveuse a introdución de tubos con auga a presión para frear a descomposición do fertilizante.

Compostos non perigosos Segundo o informe da Xunta, a carga do buque é un fertilizante común nos labores agrícolas. Está composto por nitrato amónico, nitrato de magnesio, dolomita, carbonato e pedra calcaria como acondicionador, sen elementos perigosos, solúbel en auga fría e altamente biodegradábel. Con estes datos, o documento conclúe que os gases que proceden da fermentación do produto non constitúen perigo para a saúde humana en espazos abertos.

Contacto permanente O Goberno está en contacto permanente cos alcaldes e confrarías da zona e mais coas asociacións ecoloxistas para informalos das operacións no 'Ostedijk'. Ademais, Méndez Romeu anunciou que comparecerá no Parlamento a petición propia para dar conta das actuacións e someterse á censura da oposición. Tamén insistiu na cohesión que segue a manter o goberno bipartito durante a crise.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: