Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
A TECNOLOXÍA QUE VÉN

A fenda dixital entre o rural e a cidade

A transición entre os anos servenos a miúdo para marcar metas futuras (deixar de fumar, ir ao ximnasio). Asemade, para facermos prognósticos a respecto do que nos ha traer o ano que comeza. E o panorama tecnolóxico non se libra tampouco deste tipo de análises, por ser un dos eidos nos que a realización de proxeccións temporais resulta máis interesante. Deste xeito, se observamos a situación actual e as promesas da industria sobre o que chegará ao mercado de consumo nos meses vindeiros, podémonos atrever a predicir a súa evolución para o 2007. Un artigo de Marcus Fernández.

- 10:58 22/02/2007
Tags:

Se hai un sector que se reinventa ciclicamente é o tecnolóxico. Quen podería adiviñar que o móbil sería un complemento máis de case tódolos cidadáns europeos? Mesmo a substitución do vídeo polo DVD ou a emerxencia de formatos coma o DivX para os ficheiros multimedia son revolucións que poucos puideron predicir. Tamén hai que recoñecer que o futuro imaxinado poucas veces se converte en real (lembremos as películas de mediados do século XX). Pero cando as previsións son a poucos meses vista, a posibilidade de acertar é maior. Podemos adiantar os cambios que van chegar no presente ano.

A informática

O mundo dos ordenadores, pese ó que moitos pensan, non é moi dinámico. Nos últimos 5 anos apenas se produciron cambios, imperando o Windows XP coma sistema operativo e o MS Office coma solución ofimática de escritorio. O único cambio salientable sería o da popularización das pantallas TFT, que fixo que os monitores de tubo tornasen nunha especie en perigo de extinción, aínda que a calidade de imaxe sexa superior á dos seus delgados irmáns. Pero o presente ano pode ser o inicio dunha renovación no parque informático. A aparición do Windows Vista pode dar un pulo á comercialización de novos equipos.

A banda larga

E a informática está sen dúbida vencellada ó acceso á Rede, que historicamente sofre dunha horrenda fenda en Galicia. Boa parte da poboación non se pode conectar á Internet dende a súa vivenda, porque contan con liñas telefónicas obsoletas. Vai pechando dende anos a fenda dixital absoluta, ou sexa, que a conectividade se converte nunha realidade en toda Galicia. Pero iniciamos así unha nova fenda baseada en prezos e velocidade de acceso, de xeito que se produce o paradoxo de que os cidadáns urbanos teñen acceso á banda larga a un prezo moi inferior que os do rural. E nas zonas xeográficas nas que máis se debería potenciar o acceso ás TIC, o nivel económico dos seus habitantes vira nun atranco para que a democratización da Rede sexa unha realidade, e non dependa da renda dos galegos. Agora ben, tamén hai que salientar que nas cidades o operador galego do cable, R, está a traballar para mellorar as súas infraestruturas e servizos (nos vindeiros meses van mellorar substancialmente a velocidade de acceso á Internet). Deberiamos reflexionar sobre o feito de que a condición periférica galega non é desculpa para ofrecer produtos tecnolóxicos de calidade.

A telefonía móbil

A problemática do acceso á Rede resulta comparable ó estado da telefonía móbil en Galicia, de xeito que actualmente temos unhas coberturas moi dispares segundo a tecnoloxía de comunicación á que nos refiramos. A cobertura do móbil chega a case todo o territorio, pero cando falamos das novas opcións como a telefonía 3G, a cousa xa non resulta tan esperanzadora. Vai mellorando paseniño e poderíase complementar con outras tecnoloxías de conectividade sen fíos. Pero se algo está a cambiar coa tecnoloxía dos móbiles é a multimedia. A videochamada é posible dende moitos lugares, ou mesmo a televisión no móbil. De tódolos xeitos hai que destacar que aínda que en Galicia temos acceso a unha boa oferta de contidos, o que non temos aínda é material propio. Sería sumamente interesante que algún operador achegase algúns contidos multimedia en galego (ou mesmo a programación da TVG) ós nosos teléfonos celulares.

A televisión

Pero a televisión non fica só nos dispositivos móbiles. Está a vivir toda unha revolución grazas á TDT, que vai mellorando pouco a pouco a súa cobertura en Galicia e permitirá ter nos vindeiros anos unha mellor oferta audiovisual de balde. Polas novas canles autonómicas e locais haberá que agardar aínda bastante (ou sexa, po 2007 non ha ser o ano da revolución). Pola parte que lle toca a R, dixitalizará o seu servizo televisivo, permitíndolle non só ofrecer máis dun cento de canles. Tamén lle outorgará un valor engadido grazas á interactividade e mais a outras posibilidades.

A electrónica de consumo

A nivel mundial os dispositivos reprodutores de MP3 e moitos outros aparellos parecen destinados a reinar no lecer doméstico e persoal. Mentres a prensa en xeral bota flores sobre o iPhone de Apple , en Galicia podemos falar de Blusens, esa empresa compostelá que nos está a achegar reprodutores de MP3 con conectividade Bluetooth (produto no que son pioneiros no mercado), reprodutores multimedia portátiles, gravadores de TDT con disco duro. Mesmo traballan na integración de tecnoloxía GPS nos seus reprodutores portátiles (e non esquezamos que a meirande parte dos seus produtos contan coa opción de configurar os seus menús en galego). En Galicia non temos que acomplexarnos, podemos facerlle fronte a xigantes internacionais tanto aquí coma no exterior.

Conclusións

O 2007 será máis do mesmo. É dicir, os móbiles cada día farán máis cousas; a Internet cada día irá máis rápido e será máis accesible; sairán novos dispositivos que nos farán a vida máis doada e divertida e, de ser afortunados, acadaremos unha poboación mellor comunicada. O obxectivo é poder manter un ritmo que lle permita á nosa terra estar ó nivel do resto de Europa no tocante a iso que dan en chamar Sociedade da Información. Á que, de feito, deberemos contribuír ó noso xeito, para facela máis propia.

Artigo publicado na edición impresa de TEMPOS Novos (febreiro de 2007, nº 117)


0/5 (0 votos)