Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Kurdistán e Galicia

Estes días saíu á luz a multa de 4.000 euros imposta pola Subdelegación do Goberno en Pontevedra a dous membros de Asociación de Solidariedade co Kurdistán, pola exhibición de símbolos durante un partido de fútbol que enfrentou ao Celta contra un equipo turco en novembro pasado.

- 08:37 21/02/2007
Tags:

Vexamos os feitos, que trascenden o ámbito deportivo, e enmárcanse na libertade de expresión e na solidariedade.

A Asociación de Solidariedade co Kurdistán, ASK, é unha pequena asociación radicada en Vigo, legalmente constituida, que trata de impulsar a solidariedade do povo galego coa causa do Kurdistán, esa entidade nacional esquecida pola Historia –o maior pobo sen patria, ou sen Estado, máis exactamente- e que ocupa territorios actualmente baixo o control de Turquía e Irak, fundamentalmente, pero tamén de Irán e Siria.

O pasado 30 de novembro de 2006, o estadio de Balaídos era o escenario dun encontro da UEFA entre o Celta de Vigo e o Fenerbahçe turco. Entre os siareiros do Celtiña se atopaban varios membros desta asociación que portaban camisetas coa bandeira do Kurdistán e o símbolos da ASK.

Nun momento do partido –non sabemos se antes ou despois do gol de Canobbio que lle valeu os tres puntos ao Celta- a peña ultra dos Celtarras exhibiu unha pancarta, que se pode ver neste enlace, onde figuraba a bandeira do Kurdistán e a expresión "Freedom for Kurdistan"

A policía actuou inmediatamente, retirando a pancarta. Ao tempo, dous dos membros da ASK que levaban as camisetas, situados con todo a uns trinta metros da pancarta foron sinalados por un policia turco, nunha práctica ao parecer habitual do goberno deste país de incluir policías nos desprazamentos dos seus equipos de fútbol para tentar evitar as alusións á cuestión armenia ou á kurda, como foi este caso.

Os dous membros foron levados ao furgón policial, e interrogados durante un par de horas, facéndose un atestado que os dous membros da ASK se negaron a asinar. Como consecuencia do atestado, hai escasos días, a autoridade gubernativa impuxo unha multa moi elevada, 4.000 euros, a estes compañeiros.

Que delicto hai en proclamar a libertade dun pobo? Vivimos nun país libre ou estamos aínda na época de Franco?. Pódese alegar que a petición de democracia ou de libertade sexa unha provocación?

É certo que Turquía ten feito avances en materia de dereitos humanos, pero a negación do xenocidio armenio de 1915 e o recoñecemento de dereitos civís para os kurdos, os "turcos das montañas" como din eles, son cuestións pendentes, como o asasinato do xornalista armenio-turco Hrant Dink, recientemente acaecido, nos recordou hai varias semanas

Resulta increíble que un policia turco poda en Galicia sinalar a persoas que son pouco despois retidas e interrogadas pola policía. Pero éo aínda máis que esa actuación impropia dun país democrático sexa respaldada pola subdelegación do Goberno de Pontevdra.

Esta situación recórdanos a ocorrida hai 2-3 anos cando un chantadino, Anxo Moure, membro e impulsor de colectivos solidarios como Bicis pola paz ou de ecoloxistas como Xevale, foi detido e xulgado –pero finalmente absolto- por "atentado contra la autoridad" (él, un pacifista!) durante un mitin de Fraga en Chantada, no que o noso compañeiro se presentou cunha careta e unha pequena pancarta contra a guerra de Irak.

Desexamos que o recurso que os nosos amigos da ASK van presentar sexa admitido e que se non, algún xuiz responsable anule esta medida desproporcionada pero sobre todo inaudita.

Mentras tanto, eu, que en materia futbolística son turko, berro sen ambargo tamén Freedom for Kurdistan!!!


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: