Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SETE ANOS DESPOIS DA CATÁSTROFE

Mil millóns de indemnización en xogo no xuízo pola marea negra do Erika

Fletador francés, propietario italiano, bandeira maltesa, capitán indio, mariñeiros filipinos... A enguedellada lea xudicial do petroleiro que afundiu en 1999 fronte á costa da Bretaña é actualidade outra vez esta semana en Francia. Nun proceso con moitas similitudes co do Prestige, os quince imputados responderán ás acusacións que implican a reclamación total de máis de mil millóns de euros en indemnizacións.

- 14:02 12/02/2007
Tags:

Arredor de vinte mil toneladas de fuel enchouparon en decembro de hai oito anos as costas de Bretaña, contaminación que causou graves problemas aos ecosistemas afectados. Alén disto, o xuízo inclúe tamén as denuncias de persoas que traballaron na limpeza do chapapote, logo de saberen que o barco levaba, sen declarar, material químico potencialmente canceríxeno.

A responsábel do material transportado é a petroleira francesa Total. A acusación tamén inclúe a tres oficiais da Armada, denunciados por presuntamente subestimar a gravidade do alcance potencial do desastre. No xuízo non estará o capitán do buque, un cidadán indio sobre o que hai orde de detención. Tamén deberá responder polo acontecido a axencia italiana de control RINA, que estendera o permiso para a navegación do buque. Segundo se comprobou despois, o mal estado do barco fixo que mesmo a petroleira británica Shell o rexeitara con anterioridade para transportar combustíbel.

"O do Erika é un exemplo paradigmático", relata Le Monde nun editorial que chama a atención sobre os problemas legais para o control destes barcos, "en vintecinco anos, o petroleiro maltés cambiara oito veces de nome e propietario, catro veces de sociedade de clasificación e tres veces de pavillón".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: