Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
IGALIA, A XUNTA E AGNIX NUN DOS EVENTOS MÁIS IMPORTANTES DA INDUSTRIA DO SOFTWARE QUE COMEZA MAÑÁ EN ESTREMADURA

Relatores galegos na Conferencia Internacional de Software Libre

Algúns dos mellores programadores do mundo participan dende o mércores na Conferencia Internacional de Software Libre. A cita de Badaxoz tamén acudirán centos de empresas e administracións á caza da última solución para explotar a tecnoloxía sen limitar a liberdade dos usuarios. Entre os relatores destacan Richard Stallman, principal ideólogo do movemento, e Miguel de Icaza. Entre tanto gurú e executivo internacional, tamén hai sitio para a presenza galega. Así, Xavier Vázquez explicará a historia de oito alumnos da Facultade da Informática da Coruña que en cinco anos montaron unha compañía, Igalia, que xa factura máis dun millón de euros. Ademais, a Xunta exporá os seus plans para a e-administración e Roberto Brenlla, de AGNIX, análizará o futuro dos programas abertos.

- 13:36 06/02/2007
Tags:

Igalia é un exemplo de como usar aplicacións libres para facer cartos dende Galiza. Fundada por un grupo de licenciados en 2001, hoxe ten máis de 26 empregados. Ademais, factura case un terzo da súas vendas fóra do Estado, algo excepcional nun país no que a maioría das empresas tecnolóxicas sobreviven grazas a contratos de institucións e empresas. "Apostamos polo software libre pola súa filosofía colaborativa pegaba ben co espírito de cooperativa da empresa" explica Vázquez, quen destaca que, cando fundaron Igalia, moi pouca xente confiaba en que o software libre era un modelo de negocio viable.

Máis de catro millóns de investimento público en Galiza
Por outra banda, Antonio Pérez Casas, da Consellería de Innovación e Industria, participará no debate "O software libre nas políticas públicas en España" canda representantes de Cataluña, Valencia, Castela a Mancha e Andalucía. Pérez Casas presentará a liña de apoio ao software libre e os estándares abertos prevista pola Xunta, unha iniciativa na que o goberno quere investir 4,6 millóns nos vindeiros tres anos.

Roberto Brenlla, do colectivo de usuarios AGNIX, presentará o relatorio "Cara onde vai o Sw. Libre?" no que analiza as barreiras que ameazan a extensión das ferramentas abertas.

Galardón para Stallman
A organización da Conferencia agarda que milleiros de persoas participen nesta cita. Dende Galiza, está previsto que acudan un grupo de representantes dos grupos de usuarios que colaboran en Mancomun.org. Os asistentes poderán ver como Richard Stallman, presidente da Free Software Foundation recolle o Premio Internacional de Estremadura ao Coñecemento Libre.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: