Dous ouros, catro pratas e tres bronces foi a bagaxe coa que volveu a selección galega de taekwondo do Campionato de España absoluto que se celebrou esta fin de semana en Tres Cantos, Madrid. Os nove metais permitíronlle a Galiza situarse segunda na clasificación por equipos. A Comunidade Valenciana obtivo o primeiro posto mentres que Madrid rematou en terceiro lugar. Os ouros foron para Xosé Carregal, do Mat´s Marín na categoría de menos de 72 quilogramos, e para Andrea Rica do Tao Vigo en menos de 55 kg.
Outros dous taekwondistas dos Mat´s Marín acadaron medalla: Daniel Mallo, prata en 54 kg, e Crisanta Balado, bronce en 72 kg. As outras pratas foron para Eric Benito do Athenas Vigo (-58 kg), Lúa Piñeiro do Olímpic-Vilagarcía (-67 kg). Os bronces restantes corresponderon a Fernando Rascado do Tao-Vigo en menos de 78 quilogramos e Leticia Santos do Patiño Moaña (-59 kg).
O bo papel dos galegos no estatal permitiralles probabelmente participar nunha xira que a Federación Española realizará por Corea e China para preparar o equipo olímpico de 2008.