Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CARIDE DÁLLE O VISTO E PRACE AO PROCESO DE REHABILITACIÓN

A reapertura da Vía do Salnés pode adiantarse ao mes de marzo

Antes de Semana Santa pode estar aberta ao tráfico: se o tempo se mantén seco, a rehabilitación da Vía do Salnés rematará ao longo do mes de marzo. A substitución dos tubos deteriorados por outros novos e meirandes de formigón vai a bo ritmo, segundo confirmou a conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María Xosé Caride. De manterse o bo tempo, o treito Ribadumia-Sanxenxo, pechado dende comezos de decembro, podería abrirse na primeira quincena de marzo, mentres que o primeiro treito, dende a PO-531 até Ribadumia, estaría en servizo na segunda quincena do mesmo mes.

- 11:13 30/01/2007
Tags:

A Vía do Salnés fora inaugurada no verán do 1993, e por ela pasan uns 15.000 vehículos ao ano. Os tubos de aceiro galvanizado cos que está construída quedaran obsoletos, provocando o afundimento no outono pasado, na época de fortes choivas. Decidiuse, daquela, pechar tanto o treito PO-531 (Barro)-Ribadumia (7,5 quilómetros), durante unhas seis semanas, para substituír nove tubos, como o Ribadumia-Sanxenxo (10 quilómetros). O prognóstico para o peche deste tramo era de cinco meses, para substituír quince tubos.

María Xosé Caride sinalou que actualmente está xa rematada a substitución de oito tubos no treito entre Ribadumia e Sanxenxo. Nestes puntos só falta por aplicar o aglomerado, un proceso que terá que agardar para permitir o paso de maquinaria de obra. Xa foran susbtituídos seis con urxencia no primeiro treito, entre a PO-531 ecando poidan ser Ribadumia. Nesta visita, a conselleira de Política Territorial avanzou que o corte ao tráfico neste primeiro treito da vía, necesario para substituír os tubos que faltan, iniciarase previsibelmente o vindeiro martes 6 de febreiro. Dende entón, durante seis semanas, serán substituídas "todas as Obras de Drenaxe Transversal pendentes e algunha sobre a que se actuou de forma preventiva". O inicio dos traballos neste primeiro treito retrasárase para evitar que coincidise co período vacacional do Nadal.


Ligazóns

0/5 (0 votos)