Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"NORMAS DE CORTESÍA" CARA AO PÚBLICO

A Mesa denuncia o Hotel Louxo da Toxa por pedirlle aos seus empregados que non utilicen o galego

A Mesa pola Normalización Lingüística denunciou este venres o Hotel Louxo La Toja por esixirlle aos seus empregados por escrito que non utilicen o galego para comunicarse cos clientes. Foi este xoves cando se filtrou un documento en que se recollían as diferentes "normas de cortesía" que os traballadores do complexo deben cumprir, tales como "manter posturas correctas diante do público, non falar de temas persoais cos compañeiros e non falar en galego". Nun primeiro momento, representantes do hotel negaron a Vieiros a existencia do dito punto no manual do traballador. Porén, ao longo do día, o director do Louxo recoñeceu ante os medios que xa se eliminara o polémico punto e que non respondía a ningún tipo de persecución contra a lingua galega.

- 09:37 22/01/2007
Tags:

Pola súa parte, a Mesa lamenta que en Galiza continúen a existir documentos e normas como estas, "tan fóra de época, que consideran que o galego é mesmo unha falta de cortesía". O organismo presidido por Carlos Callón reenvioulle unha copia ao Valedor do Pobo, á Secretaria Xeral de Política Lingüística e ao xerente de Galicia Calidade, xa que o hotel ostenta este distintivo, para que inspeccionen e valoren se o departamento hostaleiro está a vulnerar os dereitos lingüísticos fundamentais.

Callón solicitou tamén unha entrevista co director do complexo, cuxa web só está dispoñíbel en castelán ou inglés, tras a cal valorará a posibilidade de presentar unha denuncia perante a Inspección de Traballo.


0/5 (0 votos)