A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) vén de publicar un novo número da súa colección ADEGA-Cadernos, que dedica 64 páxinas a tratar diferentes aspectos relacionados coa compostaxe ou reciclaxe da materia orgánica do lixo. Neste caderno, que xa fai o número 6, varios expertos poñen de manifesto a necesidade e a viabilidade do mellor método de tratamento do lixo orgánico.
A fracción orgánica do lixo (restos de alimentos, residuos de xardíns,...) representa máis da metade do lixo, o que supón unha producción anual de perto de medio millón de toneladas. Recollendo a materia orgánica de forma selectiva pódese elaborar con ela un fertilizante orgánico ou compost de grande utilidade. Todo o compost que poderíamos producir sería insuficiente para repor o déficit de materia orgánica dos nosos solos de cultivo.
A recolla selectiva da materia orgánica é moi económica, pois trátase dunha fracción moi reducida do volume do lixo (debido á súa alta densidade), e abonda cunha separación dobre nos fogares, entre materia orgánica e resto. A fracción orgánica do lixo, húmida e fermentábel, é a responsábel dos problemas de cheiros e gases nos vertedoiros e resulta pouco adecuada a súa incineración, como pretende SOGAMA SA.
O caderno de ADEGA dedicado á compostaxe recolle artigos do especialista en solos e catedrático da Universidade de Santiago, Francisco Díaz Fierros, do profesor e vicerrector da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, de técnicos da empresa Lagares Enxeñería, redactora dos planos de reciclaxe e compostaxe da Illa de Arousa, Morrazo, Barbanza e Mancomunidade da Coruña,do presidente de ADEGA e profesor da Universidade da Coruña, Manuel Soto, do ex-coordenador da área de compostaxe da entidade metropolitana de Barcelona, Carlos Pérez Losada e do grupo de educación ambiental de ADEGA.
O caderno custa 600 pesetas e pódese solicitar un exemplar directamente a ADEGA