Vieiros

Vieiros de meu Perfil


O Bierzo

Edición xestionada por Vieiros
RSS de O Bierzo
COLABORACIÓN ENTRE A XUNTA E O GOBERNO CASTELÁN

Libros en galego para os colexios do Bierzo

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia acaba de enviar aos colexios e institutos bercianos nos que está implantado o Programa para a Promoción do Idioma Galego material didáctico de diverso tipo. Os colexios de Educación Infantil e Primaria recibiron libros de lectura para os diversos niveis educativos, dicionarios ou métodos de lecto-escritura en galego entre outros. Os institutos recibiron tamén unha colección de filmes e documentais en galego como apoio para a materia de "Lingua e Cultura Galega", que actualmente se imparte en 4º de ESO.

- 17:32 09/01/2007
Tags:

Despois de anovaren, o pasado 30 de agosto en Ponferrada, as Administracións galega e leonesa o acordo para a Promoción do Idioma Galego, a Xunta cumpre co seu compromiso de apoiar o ensino do galego no Bierzo mediante a formación do profesorado ou a cesión de material didáctico aos centros. Pola súa banda, a Consellería de Educación de Castela e León se comprometera a autorizar e a apoiar o dito ensino.

Os docentes amosáronse moi satisfeitos co material recibido: ao seu dicir, este cobre as carencias que tiñan e adáptase ás necesidades de cada centro. Son xa unha ducia de colexios de Primaria os que se suman a este plan: o Valentín García Yebra, Toral de Merayo, María Luisa Ucieda, Jimena Muñíz, Carucedo, Virgen de la Quinta Angustia, San Lorenzo de Brindis, San Ildelfonso, La Placa, Puente de Domingo Flórez, Jesús Maestro e Compostilla. Tamén catro institutos de Ensino Secundario: Bergidum Flavium de Cacabelos, Padre Sarmiento de Vilafranca do Bierzo, Europa e IESVE de Ponferrada. En total, uns 800 alumnos participan no Programa para a Promoción do Idioma Galego, ademais dos que estudan galego na EOI de Ponferrada. Este curso rematará a ESO a primeira promoción de alumnos que iniciou o Programa, e recibirán un certificado que acredita o coñecemento da lingua galega no seu nivel básico (nivel de Iniciación).


0/5 (0 votos)