Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FRONTE AO DECLIVE DEMOGRÁFICO

Galegos en 'extinción': as ideas pendentes en favor da natalidade

"O que non podo facer é meter un home e unha muller nunha cama e dicirlles o que teñen que facer". Velaí un exemplo de afirmacións do ex presidente Manuel Fraga, no seu tempo especialmente preocupado polo déficit de nacementos en Galiza, pero con poucas propostas máis que a súa teima contra o uso dos preservativos "Con 31 anos a miña avoa tiña once fillos", lembraba Fraga. Así, e mentres o noso país rexistra habitualmente os peores datos de crecemento demográfico a nivel estatal, Alemaña, que estaba sendo o lugar do mundo onde proporcionalmente menos cativos nacían, experimentou unha viraxe nesa estatística ao tempo que o goberno introducía importantes axudas económicas para as familias con fillos.

- 11:45 04/01/2007
Tags:

Queixábase don Manuel de que as mulleres galegas na actualidade non casan "até que teñen piso e coche". "Logo, con 30 ou 32 anos, acordan ter o primeiro fillo, moitas veces por cesárea, o que fai difícil repetir despois", laiábase o ex presidente aló por 2003, mentres nas primeiras planas aparecían as estatísticas do escaso crecemento de poboación en Galiza. Gababa Fraga daquela que en tempos da súa prolífica avoa "non había preservativos nin outras cousas semellantes que, por outra parte, ela non tería usado nunca".

Alemaña, que arrastraba desde hai anos unha significativa caída de nacementos, introduciu agora importantes axudas económicas para as familias con fillos. Así por exemplo, ao pai ou nai que decida ocuparse en exclusiva do fillo, o goberno garántelle o 67% do soldo neto mensual durante até un máximo de 14 meses. Ao tempo, teñen dereito axudas de entre 300 e 1800 euros. Xapón é tamén exemplo de como as axudas do executivo parecen estar mudando a situación, xa que por primeira vez en seis anos vén de subir o índice de natalidade do país.

A caída demográfica reduciu a porcentaxe da poboación galega respecto ao total do Estado dun 7.4% en 1981 até un 6.3% en 2005. Fronte a esa evolución negativa, desde o goberno galego veñen abrollando algunhas ideas concretas que son presentadas como incentivo á natalidade. Exemplo recente é a introdución por parte de Vicepresidencia dunha rede pública de coidadores de cativos, canguros, para o apoio a pais e nais que traballen. Desde este mesmo departamento da Xunta, destacan tamén a aposta polo despregue dunha rede de garderías, como pé importante para o apoio ás familias con fillos. No mesmo sentido, o incremento da rede de comedores escolares, xestionado pola Consellería de Educación en colaboración cos concellos. "A sociedade galega non ten fillos e non os ten porque non queira, senón porque non pode", explicaba hai pouco Carme Adán, secretaria xeral de Igualdade, indicando que "as políticas da dereita" non funcionaron e deixaron un importante défice de servizos.


0/5 (0 votos)