Unha experiencia nada en Ourense está chamada a revolucionar o panorama da banda deseñada galega. Lab·Ou, o Laboratorio Galego de BD Experimental, pretende exercitar a creatividade dos autores mediante unha serie de exercicios que permiten aos membros do grupo iren ascendendo nunha sorte de xerarquía, ao xeito das sociedades secretas.
O reto xurdiu no marco das Xornadas de Banda Deseñada de Ourense de 2005, cando se ideou a experiencia 24x24 BD, que propoñía crear unha historia de vinte e catro páxinas en vinte e catro horas. Os bos resultados do exercicio, con obras como Corazón de tormentas, de David Rubín, impulsaron a crear o laboratorio experimental. Na iniciativa, inspirada no OuBaPo, nado no seo da editorial francesa L'Association, poden participar todos os autores que o desexen e procuren o progreso creativo persoal.
Para ingresar no grupo, é preciso enviar unha petición cos datos persoais a un enderezo de correo electrónico, escoller un nome de iniciado e facer un dos exercicios propostos no Grimorio, libro de actividades que constitúe a pedra angular do Lab·Ou. Os participantes irán ascendendo no cursus honorum, a xerarquía do laboratorio, co simple feito de iren realizando os exercicios do libro, que se puntúan segundo o seu grao de dificultade. Ademais, poden participar nas actividades optativas que os coordinadores de Lab·Ou propoñen cada mes. Cada nivel supérase acadando unha chave, que é, ademais, o símbolo do laboratorio. Hai catro niveis diferentes: un azul, ou de aprendiz, até os 49 puntos, que se supera coa consecución da chave de prata; o vermello, ou de iniciado, até os 99, e o negro, ou de mestre, ao que se chega ao acadar a chave de ouro, cos 100 puntos. Adicionalmente, os coordinadores do laboratorio posúen o nivel branco de administrativo.
O laboratorio funciona a través da rede, mediante un weblog no que se expoñen a baixa resolución algúns dos traballos presentados, ademais de novas, recomendacións e ligazóns a outras experiencias semellantes. Así mesmo, Lab·Ou conta cunha lista de correo privada e actividades presenciais que se desenvolven coincidindo con salóns do cómic como Viñetas dende o Atlántico, na Coruña, ou as Xornadas de Ourense. Finalmente, o laboratorio ten a vocación de publicar as obras producidas.