Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
UNHA ACTIVIDADE SEN PERMISOS

As escombreiras dunha canteira en pleno LIC Ancares-Courel arrasan co patrimonio enográfico

O pasado 18 de Decembro, ADEGA denunciaba ante o SEPRONA á empresa "Pizarras del Oribio" como responsable da total destrución do bosque de ribeira e da vida do río Castelo (Samos) nun treito duns tres quilómetros, alén de arrasar por completo un importante patrimonio histórico e etnográfico composto por un mazo, cinco muiños, oito presas e varias pontellas e camiños.

- 11:15 27/12/2006
Tags:

A canteira, rexistrada co nome Vetusta 5575, está ubicada íntegramente dentro do LIC Ancares-Courel. É herdeira doutra canteira que, sen autorización da Confederación Hidrográfica nen licencia municipal, acabou ocupando toda a cabeceira do río. A explotación actual, aínda que conta con declaración de impacto ambiental favorábel dende 1996 (o que di ben pouco do valor ten a avaliación ambiental) e concesión de Industria no 1997, carece de licencia municipal, da autorización urbanística da Xunta de Galiza e da autorización da CHN para a ocupación da canle do río.

É un exemplo máis da permisividade das distintas administracións con estas explotacións, ás que como moito acaban sancionando con multas ridículas, e da continuada ilegalidade a que estaban afeitos algúns empresarios da pedra e da lousa. Estes, alén de contar coas preceptivas autorizacións, nen sequera, cumpren coas condicións impostas pola normativa vixente ou a declaración de impacto ambiental.

ADEGA solicita do SEPRONA e da Xunta de Galiza unha investigación exhaustiva sobre a legalidade da canteira e a toma en consideración, como agravante, do incumplimento total das condicións dispostas na Declaración de Impacto Ambiental, no Plano de Restauración e no Plano de Labores. Neste sentido ADEGA xa ten solicitado á Delegación de Industria e á Delegación de Medio Ambiente de Lugo, a sía inmediata intervención para obrigar á empresa á paralizar as actividades mentres se estudan as causas deste desastre ambiental e non se restaura a legalidade.

Trátase dunha actividade incompatíbel coa conservaicón dos valores naturais do LIC Ancares-Courel, que opera en fraude de lei e coa connivencia dunha administración daquela cómplice e desleixada. Xa é tempo de que os nosos tesouros naturais protexidos polas leis ambientais galegas sexan algo máis que un índice de páxinas no DOG, e que a súa aplicación alcance a todos e a todas por igual.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: