A RAG, en plena celebración do centenario, e o cantautor berciano Amancio Prada foron finalmente os premiados nesta segunda edición da gala organizada pola asociación Xarmenta do Bierzo. Fixéronse públicos este mércores na galería Sargadelos do Barco de Valdeorras e mais no Hotel AC de Ponferrada. O xurado integrárono o presidente e secretario da asociación, o Consello Comarcal do Bierzo, institución premiada na primeira edición, o Concello de Cacabelos, o Concello da Ponte de Domingo Flórez, a Comisión Cultural Martín Sarmiento, e a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo. Este premio entrégase cada ano a unha persoa e unha institución para recoñecer o seu compromiso co galego no Bierzo.
A RAG recoñeceu estatutariamente a relación entre o galego e o Bierzo. No artigo 4 explicita que o galego é "o idioma propio de Galicia, así coma as súas variantes faladas nos territorios exteriores (Asturias, León e Zamora)". Ademais, no Día das Letras do 2002 escolleron ao vilafranquino Padre Sarmiento, e no 2004 nomearon un académico correspondente da RAG no Bierzo.
Amancio Prada foi escollido polo seu carácter de exportador da música en galego polo mundo: dende o Bierzo, espallou os poemas de Rosalía e outros autores musicados por el mesmo, recuperou cantigas medievais, como algunha de Códax, e compuxo outras propias.
A gala de entrega de galardóns erá no ponferradino Teatro Bérgidum o mércores 24 de xaneiro de 2007. Nela escoitarase a música da cantante galega Uxía Senlle, o grupo leonés de música sefardí Sirma, o quitento folc leonés Rapabestas, e o propio Amancio Prada, ademais do grupo de teatro Vagalume. Os premios serán entregados pola secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, o director xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellaría de Cultura, Luís Bará, e representantes do Consello Comarcal do Bierzo e a Junta de Castela e Léon.
Presentación da revista Xarmenta
Ademais, no evento foi presentada a revista Xarmenta, a publicación da asociación. Neste número recolle artigos dos académicos da RAG, unha entrevista a Amancio Prada e mostras da creación literaria en galego realizada no Bierzo, ademais de repasar as actividades que a Asociación Berciana da Lingua Xarmenta vén realizando no Bierzo na defensa da lingua galega no último ano.