O ciclista galego David Blanco anunciou este martes a súa intención de abandonar o Karpin Galicia. O actual gañador da Volta a Portugal pediulle ao equipo a rescisión do pre-contrato que asinara a principios do mes de outubro. Blanco sinalou nun comunicado de prensa que a decisión responde só a "motivos personais" e que non quere que a súa saída se utilice para "criticar" a xestión do equipo que dirixe Álvaro Pino.
David Blanco, que destacou a "boa predisposición" que atopou no Karpin Galicia, estaba chamado a ser unha das pezas claves do novo proxecto galego. Nesta última tempada, co Comunitat Valenciana, proclamouse campión da Volta a Portugal.
Foi precisamente no país luso onde comezou a súa andaina profesional da man do equipo Porta da Ravessa. De momento descoñécese cal vai ser o destino do santiagués, pero todo parece indicar que retornará ao país veciño.