A Asociación Cultural Altofalante de Ribeira concédelle o premio ao ex-Diplomático e hoxe alma máter do programa da Radio Galega Aberto por reformas para recoñecer o seu labor como promotor e difusor da cultura do noso país, e darlle pulo a todas as tendencias musicais na nosa lingua durante o último ano. É a primeira vez que se outorga este premio, para recoñecer o especial labor na defensa, promoción e difusión da nosa cultura. O nome do premiado ou premiada darase a coñecer sempre o 13 de novembro, Día da Dignidade.
"Saúde, arroutada, emoción!" este saúdo que acompaña as nosas sobremesas a través das ondas da Radio Galega dende hai tempo mereceu o primeiro Premio Altofalante. Ademais de presentar Aberto por reformas, dende onde ensalza e difunde o novo panorama musical galego de luns a venres, o que foi voz dos Diplomáticos de Monte Alto non deixa a música: o seu acordión segue a soar xunto cos Tres Trebóns. Xurxo Souto (Lugo, 1966), é licenciado en Filoloxía Clásica, como dan boa fe eses epítetos que emprega na súa imparábel retórica, cantante, acordeonista, escritor (o seu último libreo, Tres trebóns, está editado en Xerais), locutor, activista cultural, etc. Dende 2005, é xefe de programas da Radio Galega e presentador do exitoso programa musical Aberto por reformas, desde onde se impulsan e difunden todos os grupos e estilos musicais feitos na lingua do noso país.
Logo de once anos (1990-2001) ao fronte dos Diplomáticos e dun importante labor nas ondas radiofónicas ou sobre o papel impreso, en publicacións como a revista Bravú, obtén o primeiro premio Altofalante por un labor fundamental á hora de normalizar a nosa lingua e cultura. Publicou libros de relatos (A tralla e a arroutada, 1995, Fumareu 1997), novelas (O retorno dos homes mariños, 1999), a compilación de artigos Contos da Coruña, 2001), a Fotobiografía sonora de Manuel María (libro-disco, 2005) e Tres trebóns (relatos, 2005).
Altofalante valora o seu traballo ao fronte de Aberto por reformas como un fito que marca un antes e un despois na historia da nosa música. Tamén promoveu iniciativas como A polo Ghit!. A asociación cultural ribeirense entregaralle persoalmente un altofalante de man e
renderalle homenaxe nunha cea que terá lugar no mes de decembro.