Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
EXPOSICIÓN: GARGALLO, NA PEDRERA-FUNDACIÓ CAIXACATALUNYA

A fecundidade do baleiro esencial

La Pedrera-Fundació CaixaCatalunya ofrece unha ampla e traballada colectánea sobre a creación de Pablo Gargallo. O escultor tivo unha longa e forte relación con Barcelona: de quen son as esculturas da Praza de Catalunya? Formou parte de movementos artísticos da primeira metade do século XX, desde o Noucentisme ás vangardas de entreguerras: por que emocionan os baleiros cos que enche o espazo? Morreu cedo de máis, no ano 1934: realmente o Gran Profeta é vaticinio da Guerra Civil? Hoxe, despois da longa noite de pedra e grazas á súa familia, ten un museo na cidade de Zaragoza. Por Lito Caramés.

- 08:44 13/11/2006
Tags:

Nas salas de exposicións da Fundació pódese admirar boa parte da obra escultórica de Gargallo. O piso da familia Milà compite entre o deseño gaudiano e as investigacións do escultor aragonés. Gargallo (Maella, 1881 - Reus, 1934) foi estudoso e creador prolífico. Esta antolóxica xunta máis de cen obras, entre esculturas, debuxos e cartóns preparatorios, procedentes de museos e coleccións de Europa e América.

Moi cedo comeza as súas experimentacións respecto do soporte material da escultura e nos eidos estilísticos que o levarán á simplificación das formas. É dos primeiros artistas en fuxir dos soportes convencionais do mármore e do bronce, para interesarse polas posibilidades que lle podían ofrecer as chapas de ferro, de chumbo ou de cobre (Xove de cabelo rizado, chapa de cobre, 1911). Xa non abandonará estes materiais nos anos de pescuda; materiais que antes non foran aceptados como "metais suficientemente nobres" como para acadar a beleza. A exposición, presentada cronoloxicamente, ofrece as pezas baixo epígrafes que dan referencia con precisión as teimas de innovación de Gargallo: Época del Ferro, Segona època del coure, Intermedi del plom, etc.

E a carón da vangarda, o espido clasicista, a obra que o devolve aos anos do Noucentisme. É así. Gargallo foi quen de sumarse ao cubismo e as súas simplificacións esenciais, ao tempo que esculpía Valquirias para o "Palau de la Música Catalana" e Aurigas para o "Estadi Olímpic de Montjuïc". A exposición, neste caso, vai máis aló da casa Milà e dos seus cuartos. Os organizadores programaron, para solaz de indíxenas e visitantes, itinerarios comentados (de balde) pola urbe, coa finalidade de contemplar algunhas das estatuas que Gargallo fixo e se conservan dentro da textura da cidade condal.

Para completar algunhas das obras (e abundar na panorámica indagadora mostrada por debuxos e pezas de escultura) pódense ver tamén os cartóns que o artista usaba para planificar aquelas pezas que, polo trato especial que nelas se facía do espazo e dos volumes, requiríanlle un esforzo tridimensional e un estudo das liñas planas, que logo devirían formas con volume redondo na percepción do espectador. Tal é o caso das Bailarinas (1930), ou dos Arlequíns (1931), e como non dos minimalistas e maxistrais retratos da Greta Garbo (1930, 1931). Nestes casos, a tensión fecunda e a intencionalidade do escultor que chega até nós de xeito evidente. Podemos intuír probas insatisfactorias, dimensións retocadas, elementos abandonados. O esforzo investigador.

Para entender a dificultade dalgunhas das obras de vangarda que inmortalizaron a Gargallo, serve o feito de que moitos, moitos temas repítense ao longo do tempo, buscando a expresión formal que se resiste, ou diverxe cos anos. A redución dos detalles e a descuberta das liñas esenciais. A abstracción. No vídeo que tamén se pode ver e escoitar na Pedrera, unha das fillas do artista (Pierrette), escultora tamén, afirma -aínda coa lembranza fresca- que mentres o pai traballaba na casa non se movía ninguén, "nin o canario cantaba". Silencio e creación.

Entre as obras expostas na Casa Milà atópanse dúas composicións de chumbo (1920) que son parte do retrato de Ángel Fernández de Soto, e dúas cabezas (terracota, 1913) do pintor Pablo Picasso. Ángel era amigo dos dous Pablos, de cando eles habitaban a Barcelona de comezos de século. Precisamente estes días un retrato do tal Ángel, feito por Picasso (El bebedor de absenta, 1903), esperta moitas atencións nas subhastas neoiorquinas por denuncias sobre a súa propiedade e mais polo prezo que pode chegar a conseguir nas salas de Christie's (uns 60 millóns de euros). Teño para min que esta amizade entre o creador do cubismo e o inventor do baleiro significante non é anecdótica. De feito o mesmo ano que Pablo Picasso (vangardista onde os haxa, e que tamén recuncará no clasicismo) remata Les Demoiselles d'Avignó (1907), Pablo Gargallo comeza ensaios de abstracción formal. É máis, no século XX crearon en diversos campos artísticos catro Pablos de sobras coñecidos, e que -dun xeito ou doutro e cada un en cadansúa área- foron revolucionarios sen chegar a desprezar as formas académicas. Tal é o caso de Neruda, Casals e os dous xa citados. Gargallo morreu novo (1934). Os outros tres fixérono de vellos, no mesmo ano (1973) e tras unha coñecida militancia de esquerdas e de loitas antifascistas. Simple casualidade onomástica?

Se hai unha obra senlleira e definidora da xenialidade de Gargallo é Gran Profeta (1933). Foi a última gran obra antes de morrer. Nela Gargallo sintetiza como en ningunha outra a economía material, o baleiro significante, a forza abstracta. Esta peza, que arrinca de traballos de décadas anteriores e dun proxecto para un Xoan Bautista, asombra pola forza do seu físico, pola potencia do berro, pola ameaza de brazo e ollares. Todo xunto, nunha obra descarnada, furada por ventos e preñe de sinxeleza férrea. Que albiscaba o mestre no horizonte dos anos? É o aviso, é a premonición das loitas fratricidas?

EXPOSICIÓN: Gargallo
Pedrera-Fundació CaixaCatalunya
Passeig de Gràcia, 92 (Barcelona)
Até o 28 de xaneiro
Horario: todos os días, de 10 a 20 h.
Visitas comentadas, de balde, de luns a venres, ás 18 h.
Itinerarios pola cidade, de balde, para ver a obra de Pablo Gargallo: días 18, 19, 26 de novembro e 2 e 3 de decembro (precísase reserva, tel. 902 400 973)


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: