Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRÍTICAS AO GOBERNO LOCAL

O BNG di que Orozco facilita "unha administración paralela" a través da empresa municipal de solo

"Orozco quere converter Evislusa nunha ETT, un chiringuito de contratación con vistas nas próximas eleccións municipais", queixouse este martes o voceiro do BNG, Xosé Anxo Lage. Os nacionalistas consideran que a contratación de operarios para tarefas ordinarias de mantemento urbano non se axusta aos estatutos de Evislusa, creada para a xestión de solo municipal. Sen tregua durante as festas do San Froilán, os partidos políticos lugueses soben o ton dos discursos, e logo da visita de Rajoy para lanzar oficialmente ao candidato do PP para o Concello de Lugo, Xaquín García Díez, o alcalde, Xosé Clemente López Orozco, asegura que unha sondaxe do PSOE lle dá ao seu grupo 14 representantes no Concello, un máis sobre a maioría absoluta da que xa goza.

- 07:32 11/10/2006
Tags:

"Pretende usar Evislusa como unha Empresa de Traballo Temporal ao seu servizo a través da que vender favores e traficar con postos de traballo de cara ás eleccións, escapando ao control sindical e ás premisas e garantías que rexen as contratacións na Administración pública", afirmaba este martes Xosé Anxo Lage. O BNG considera que as contratacións, que saíron adiante cos votos de PSOE e tamén de PP, "son fraudulentas", e pediu informe xurídico ao respecto que aclare o que cualifican de "burla aos sistemas selectivos".

Por outro lado, o candidato do PPdeG á alcaldía de Lugo, Xaquín García Díez, pedíalle ao rexedor que adicase esforzos a "solucionar os problemas de Lugo" no canto de promover enquisas electorais. Díez opina que Orozco non lle está facendo fronte aos compromisos adquiridos cos cidadáns e quere "despistar aos votantes". O candidato popular respondía así ao anuncio dos socialistas lugueses de que unha sondaxe encargada polo partido lle daba 14 concelleiros ao PsdeG, por 8 para o PPdeG e 3 para o BNG.


0/5 (0 votos)