Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
[FÚTBOL]

O director xeral recoméndalle ao presidente da federación que dimita

O director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez, recomendoulle ao presidente da Federación Galega de Fútbol, Xulio Meana, que dimita "en favor do fútbol galego". Domínguez e Meana mantiveron no mediodía do mércores unha xuntanza en relación co escándalo xurdido coas acusacións de mal uso dos cartos da federación. Domínguez asegura que Meana "non me aclarou nada" e sinala que o presidente "parece descoñecer a documentación existente".

- 15:35 20/09/2006
Tags:

Dimisión "en favor do fútbol galego". Iso é o que lle pide o director xeral para o Deporte ao presidente da Federación Galega de Fútbol. Santiago Domínguez mantivo unha xuntanza co Xulio Meana para tratar as presuntas irregularidades no colectivo denunciadas a fin de semana pasada pola Asociación Galega de Clubs.

Ao remate da reunión, o director xeral asegurou que Meana "non me aclarou nada sobre o quid da cuestión, sobre as gratificacións, eses pagos, eses indicios de utilización indebida dos cartos da federación". Domínguez tamén engadiu que o presidente da federación "parece descoñecer a documentación existente e quedou en que ía solicitala aos seus colaboradores".

Segundo informa a Dirección Xeral para o Deporte, ante a falta de clarificación sobre a situación actual, Domínguez recomendoulle a Meana que "dimita en favor do fútbol galego e que cese ao seu secretario xeral, para poder así facer un proceso electoral limpo e claro e que sexa o fútbol galego o que elixa aos seus dirixentes".

Polo momento, Meana non contestou á recomendación realizada polo director xeral, quen deixou ben claro que o secretario xeral da Federación Galega, Ramón de LLano, mentiu cando subliñou que unha parte do importe do convenio asinado entre a consellaría e a federación se dedica ao partido da selección galega de fútbol. "Non hai nin un euro dedicado a ese encontro" dixo Domínguez que lembrou que o encontro se sufraga grazas aos patrocinadores da selección.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: