Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ESTA FIN DE SEMANA EN SALVATERRA DO MIÑO

25 anos de poesía e liberdade

A SCD do Condado presenta o XX Festival de Poesía do Condado, 25 anos despois de comezar con este evento referencial. O primeiro, en 1981, foi celebrado en Mondariz Balneario para celebrar os oito anos de traballosa e por veces dificultosa andaina dunha asociación que, dende o seu baixo na Praza da Oliva en Salvaterra do Miño, loitaría pola cultura. Neste cuarto de século sufriu un parón do 96 ao 2001, pero xa está aquí de novo, con máis forza ca nunca: a poesía galega contemporánea, as expresións artísticas e culturais máis diversas, o espazo para o diálogo e o lecer, e a música de Dios ke te crew, Betagarri, a Banda Bassotti, Lamatumbá e moitos máis, do xoves 30 de agosto ao sábado 2 de setembro.

- 11:44 30/08/2006
Tags:

"Com vontade de continuar com o caminho andado, mas também com vontade de mudar." O 25 aniversario e as mudanzas sociais e políticas que están tendo lugar no país motivan á SCD do Condado para ampliaren o seu programa. "25 anos fazendo país, 25 anos construindo futuro no caminho da liberdade", é o lema dun festival xa consagrado. Esténdese un día máis, e facilita o acceso do público con autobuses e trens gratuítos dende Vigo, por primeira vez.

Comezará xa o xoves con exposicións nas Covas de Dona Urraca e na Casa do Conde: a pintura de Ánxel Huete, vencellado ao festival dende os comezos, o xa falecido vigués Francisco Mantecón, vencellado ao omvemento Atlántica, Xosé Guillermo, Mario Granell, irmán de Eugenio e pupilo de Camilo Díaz Baliño, e Xosé Lodeiro, ademais da fotografía de Manuel Sendón e Xosé Luís Suárez Canal. Tamén haberá unha mostra retrospectiva dos 25 anos do festival, e outra de instrumentos tradicionais portugueses (concertinas e acordeóns dende Valença, con Carlos Pedrosa, ou as gaitas e violas vianesas de Fernando Portela) e galegos: requintas dende Lavadores (Vigo), con Gonzalo Rodríguez Caride, ou as de Calo, de Oli Xiráldez; zanfonas dende Sarriam con Germán Arias López, Antas de Ulla, con Pablo Cid Patedo, ou Outeiro de Rei, con Xaneco, ademais das palletas de Rubén, dende O Incio, e as harpas e bouzoukis que trae dende Soutomaior Lorena Reinaldo e Luís Martínez.

Poderemos lembrar ao poeta da Terra Chá dous anos despois do seu pasamento: Manuel María, de Margarita Ledo, será proxectado ás 20:00 na Casa da Cultura, e despois comezará a Noite dos Açores, atravesada pola fonda voz de Zeca Medeiros, nas Covas de Dona Urraca ás 23:00 (A entrada custa 10 €). O venres, ademais de continuar con máis proxeccións (as curtas gañadoras do Festival de Cans serán proxectadas na Casa da Cultura ás 20:30) e dun mercadiño na pRaza da Oliva, Xurxo Souto introduciranos no festival de hip hop e ska que levarán adiante os galegos Dios Ke Te Crew, os vascos Betagarri e a italiana Banda Bassotti.

Á fin, o sábado, Mofa e Befa conducirán o festival de poesía. A xornada comeza ás 11:00 cunha marcha popular, animada por Coper@ctiva Cultural, a murga Brisas, de Tomiño, e os Gaiteiros Bailía, e ás 12:30 terá lugar unha presentación de poetas e sinatura de libros. Ás 16:30, os máis cativos poderań gozar dunha festa co grupo musical Mamá Cabra e o emocionante espectáculo de peter punk e os zancudos de Cooper@ctiva Cultural, ademais de Ultraligeiros. Xno que conviven as voces de Cesáreo Sánchez, asiduo xa das primeiras ediciońs do Festival, a estradense Antía Otero Rodríguez, Lucía Novas, que xa participara na XVI edición, Xulio López Valcárcel , que ten tamén participado nas primeiras edicións, Eduardo Estévez, José Alberte Corral Igrejas, Lucía Aldao, Luz Fandiño, María do Cebreiro, Sechu Sende e Marta Dacosta. Como convidados participan a eusquera Leire Bilbao, o portugués Luis Filipe Cristovão, e o mozambicano Guita Jr. Tamén gozaremos da música das cantareiras de Salceda de Caselas Donicelas, Tino Baz, A Quenlla e Miro Casabella, os lusos Terrakota e Lamatumbá.


5/5 (2 votos)