Hai máis de vinte anos que a Deputación de Lugo vén acumulando unha importante débeda con dezaoito concellos lugueses polo cobro irregular do canon enerxético, cantidades que debera ingresarlles aos municipios afectados polo encoro de Belesar. O proceso xudicial fora iniciado hai anos polo Concello de Chantada cando accedera ao goberno local a formación política Chantada Nova, renunciando os alcaldes veciños do PP a apoiar a reclamación. Desde o BNG lugués, Xosé Antón Bao quéixase de que logo de perder a batalla xurídica e política, Francisco Cacharro "demostrou non ter ningún respeto nin polo que din os tribunais nin polos cidadáns da provincia".
No camiño final do mandato, o presidente da Deputación de Lugo, Francisco Cacharro Pardo perdeu o favor do partido e non será candidato do PP a liderar a institución no caso de que os populares sumen votos abondo para manter o poder no ente provincial. Na lista de polémicas acumulada polo presidente saínte, destaca o burato vencellado co cobro irregular do canon enerxético desde a empresa eléctrica xestora do encoro de Belesar, no treito lugués do río Miño.
A chegada á alcaldía nos anos 90 da formación local Chantada Nova, posteriormente integrada no BNG, servira para descubrir o buraco nas contas do Concello, cunha elevada fonte de ingresos que a Deputación amarrara no canto de enviarlla aos municipios afectados polo encoro. A volta do PP ao poder neste concello paralizou durante os últimos anos a reclamación, co propio alcalde popular tendo asento na deputación provincial e malia todo votando en favor dos orzamentos da institución que ano tras ano ignoraban o pagamento pendente, do que a Chantada lle corresponde arredor da metade dos cartos.
A Deputación resístese a facer o pago
"Cómpre que se execute con carácter urxente e inmediato, sen máis atrasos nin intencións de adialo, porque esta táctica dilatoria que se está seguindo estálle prexudicando aos concellos, que por unha mala actuación do goberno da Deputación provincial levan moitos anos sen recibir os investimentos que legalmente lles corresponden", quéixanse desde o grupo provincial do Bloque Nacionalista Galego.
Cunha sentenza definitiva do Tribunal Supremo na mesa, que lle obriga a realizar os investimentos pendentes, o equipo de goberno liderado por Francisco Cacharro Pardo vén evitando realizar os pagamentos, axudado pola renuncia dos gobernos locais da zona, maioritariamente con alcaldes do seu propio partido, a esixirlle que resolva a débeda.
Desde o BNG, Xosé Antón Bao advírtelle a Cacharro que "non ten escusa para seguir paralizando ese pago" e denuncia que "constantemente se subordinaron os intereses do señor Cacharro e do PP aos dereitos e intereses dos veciños dos concellos afectados". O voceiro nacionalista pídelle ao barón popular que "se ten un múnimo respeto aos cidadáns desta provincia" e en especial aos veciños dos dezaoito concellos afectados, debera "cumprir a sentenza coa maior celeridade e urxencia posíbel".