Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
REORGANIZAN O ESPAZO GALICIAABERTA.COM

A Xunta renova (un pouco) a web da emigración

Unha moi completa lista de xestións e descontos económicos para emigrantes, inmigrantes e retornados é o contido máis importante da renovada web Galicia Aberta, que presentou o secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez. Complementan a web un glosario de termos administrativos, unha sección de novas tecnolóxicas, a lista alfabética de asociacións galegas no exterior, unha serie de vídeos de 13 entrevistas a históricos da emigración americana ou unha área rexistrada para buscar parentes ou enviar postais. Con todo, tamén ten seccións que funcionan unicamente en castelán, como a que canta as virtudes de Galiza, múltiples grallas ortográficas, un espazo para blogs que está pechado e onde escribe un dirixente do PSOE da emigración, así como unha sorprendente versión en árabe... que non funciona. Ah, tampouco é accesíbel.

- 07:12 24/08/2006
Tags:

A busca dunha "maior participación de todos os colectivos de galegos e galegas no exterior de forma que perciban unha administración renovada, próxima e adaptada ás súas necesidades", en palabras do secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, é obxectivo da reforma do portal do goberno galego para a emigración, Galiciaaberta.com, presentado este mércores. O espazo reorganiza a información da web anterior, presentada ás portas das eleccións de 2005 polo executivo do PPdeG, acusado daquela polo colectivo Fillos.org de ser unha iniciativa electoralista. A nova web, por certo, esquece outra vez incluír ligazón a esta comunidade, a máis activa en internet da emigración galega. E malia que tampouco hai ligazón a bitácoras xa existentes de galegos no blogomundo, no interior descubrimos o que parece ser un proxecto de blogs para a comunidade emigrante.

A Xunta fala dun "novo modelo"
"O portal busca erixirse nunha plataforma tendente a constituír un novo modelo de relación coa Galiza exterior asentado nas vantaxes que ofrece a sociedade da información, e que deveña, en último termo, nunha relación, entre administración e cidadán, máis inmediata, áxil e verdadeiramente eficaz", explicou o secretario xeral de Emigración.

Na presentación na nova imaxe e contidos do portal Galiza Aberta, Manuel Luís Rodríguez destacou como metas da nova etapa do espazo en internet o acceso en tempo directo "aos programas sociais e culturais, ás liñas de axuda, iniciativas e demais actividades públicas impulsadas dende o goberno galego, e a potenciación da comunicación e o diálogo entre as propias comunidades galegas no exterior e as asociacións de retornados e inmigrantes".

Desde a secretaría xeral para a Emigración salientan que a web ten unha oferta de máis de corenta servizos distintos, e que en pouco tempo incluirá novas funcionalidades e contidos, entre os que Rodríguez destaca o "Rexistro Voluntario on line dos cidadáns galegos no exterior", que estará operativo a finais de setembro e que será "un proxecto estratéxico para a emigración en tanto que aportará datos esenciais de cara á definición de programas que se axusten ás necesidades reais manifestadas polos emigrantes".


0/5 (0 votos)