Co gallo da celebración, o 29 de novembro, do Día Mundial do Bosque Autóctono, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) solicitou ao conselleiro do ambiente, Carlos del Álamo, un cambio na política forestal. De acordo cos dados do último inventario forestal, os eucaliptos xa está presente no 30% do espazo arborado, mentres que as frondosas caducifolias rondan só o 26%. A porcentaxe de superficie arborada dominada polos piñeiros diminuiu nun 10%, sendo na actualidade do 44%.
Para ADEGA, estes datos confirman que os criticábeis obxetivos do Plano Forestal eran, ademais, papel mollado. O Plano prevía conxelar a superficie adicada ao eucalipto e aumentar o número de hectareas plantadas con especies autóctonas. A distribución de especies ao remate da vixencia do Plano sería dun 53% para coníferas, un 29% para frondosas caducifolias e un 18% para eucaliptos. Ao contrastar estes datos coas superficies actuais ADEGA conclúe que eses obxetivos eran fume de palla, máis fume destinado a confundir á opinión pública e ocultar unha política ainda máis nefasta que conseguirá, cando remate o horizonte previsto do Plano Forestal, non conxelar a superficie do eucalipto como se prevía, senón convertela na especie principal do noso espazo arborado.
ADEGA denuncia as continuas talas de carballeiras, soutos, bidueirais..para extraer leña, construír infraestructuras, executar concentracións parcelarias ou satisfacer industrias de fóra que mostran interese polas nosas madeiras. ADEGA non se opón ás cortas racionais de árbores autóctonas mais sempre que o incremento das súas superficies estexa garantido por unhas plantacións continuadas. Mais resulta que estas especies ocupan un lugar ridículo nas superficies reforestadas.
A política forestal actual, ademais de ser negativa para a conservación da biodiversidade, denota unha pésima estratexia económica de cara ao futuro, xa que o eucalipto, está sendo intensisimamente plantado en todos os países subdesenvolvidos: millóns de hectareas están xa medrando en Chile, Arxentina, China, Sudáfrica, etc. e, segundo dados da FAO, o eucalipto constitúe o 25% das plantacións que se están a realizar en zonas tropicais. Ainda mais, aquí mesmo, entre Galiza, Portugal e Asturias xa se supera o millón de hectareas desta especie.. Pola contra, as madeiras nobres, debido á sobreexplotación que sufriron os bosques que producen estas madeiras a nivel mundial, experimentarán unha enorme revalorización no futuro.