Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
UNIVERSIDADES GALEGAS E LUSAS ORGANIZARÁN UN "DISTRITO COMPARTIDO"

Galiza e Portugal fixan 2013 como prazo para a alta velocidade Vigo-O Porto

Apenas un par de anos de adianto sobre a última data valorada é o froito do novo compromiso do goberno portugués para o tren de alta velocidade que una a rexión norte de Portugal con Galiza, e para o que xa comprometeron investimento as caixas galegas. A obra entraría así en funcionamento en 2013. De paso, a xuntanza do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e do primeiro ministro portugués, José Sócrates, serviu tamén para o impulso dun "distrito único universitario" entre as universidades das dúas beiras do Miño e da presentación dos detalles do Centro Internacional de Nanotecnoloxía, foro investigador compartido que terá sede na cidade de Braga.

- 07:00 04/07/2006
Tags:

"Nunca tivera a sensación tan clara de que o goberno portugués ten un compromiso firme con esta infraestrutura", avaliou o presidente da Xunta ao respecto do diálogo que sobre o tren de alta velocidade entre Vigo e O Porto mantivo este luns co primeiro ministro portugués. Touriño subliñou a consideración que desde a Xunta se ten cara a este proxecto, "prioritario e estratéxico", e dixo ver na axenda de José Sócrates a mesma valoración arredor da obra. Con todo, a xuntanza polo momento non avanzou detalle sobre a evolución da iniciativa para que as propias caixas galegas xa amosaron a súa disposición a entrar no financiamento, considerándoa clave para o desenvolvemento económico da Eurorrexión. A última previsión do goberno luso falaba de 2015 como data posíbel para a súa entrada en funcionamento, prognóstico que agora podería verse adiatando deica o 2013.

Distrito Único Universitario
Máis preciso semella o compromiso para a posta en marcha dun espazo compartido "para favorecer a mobilidade do estudantado, así como promover titulacións comúns", idea que se explicitará o próximo mes de outubro, nun encontro onde participarán representantes das tres universidades galegas e as da rexión Norte de Portugal, e que dará na creación dun distrito único universitario. O anuncio foi realizado por Emilio Pérez Touriño logo da súa reunión co ministro de Ciência, Tecnologia e Ensino Superior, Mariano Gago. O propio Gago estará na xuntanza de outubro que definirá as características desta iniciativa.

Centro Internacional de Nanotecnoloxía
Xa cunha definición concreta de obxetivos e recursos, presentouse tamén este luns este "centro de excelencia investigadora", creado conxuntamente polos ministerios de Ciencia portugués e español, e que terá sede en Braga, xestionado conxuntamente polos dous executivos estatais, e que quere ser referencia internacional neste ámbito de investigación con crecente importancia.

Terá como obxectivos básicos potenciar e promover a investigación e o desenvolvemento entre Portugal e o Estado español e outros países do mundo; fomentar a creación de grupos multidisciplinarios en materia de I+D; acadar un equilibrio entre a busca de fundamentos e aplicacións das novas tecnoloxías; fomentar a creación de novas compañías e potenciar o desenvolvemento científico e técnico nas rexións europeas e outras actividades vencelladas coa difusión da nanotecnoloxía. Na súa sede traballarán preto de 200 científicos, ademais do persoal técnico e administrativo.


Ligazóns

0/5 (0 votos)