Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O ÚNICO CENTRO DE ESTUDOS SOBRE FOLQUE DA GALIZA

O conservatorio de Música Folque de Lalín abre o prazo de matrícula para o próximo curso

Gaita, percusión e outros instrumentos da nosa tradición, asi como materias relacionadas coma a historia musical están xa ao dispor das alumnas e alumnos que desexen entrar no conservatorio de música tradicional e folque de Lalín (CMTF) o próximo curso. As aulas están impartidas por Ugía Pedreira, Guadi Galego, Ramom Pinheiro ou Oscar Fernández. Os sábados é día de música na vila pontevedresa, pero ademais da práctica, tamén se imparten aulas de linguaxe musical e os usos e costumes arredor dela.

- 16:30 27/06/2006
Tags:

O CMTF leva 5 amos funcionando e por el pasaron profesionais da música folque de varios paises, ben impartindo conferencias ou obradoiros, ademais de cursiños. Tal foi o caso de Carolina Robertson, mestra na Universidade de Maryland ou a voz de Kalinka Vulcheva, ademais dos cursos de formación interna impartidos polos propios mestres do centro e para eles melloraren os seus coñecementos. Estes profesionais chámanse Ugía Pedreira, Guadi Galego, Ramom Pinheiro ou Oscar Fernández, Edelmiro Fernández ou Pedro Pascual.

Para poder entrar a formar parte da institución é obrigatoria a matriculación en linguaxe musical, ou no caso de non facelo, haberase presentar a acreditación doutro centro. O prazo de matrícula estará aberto ata o primeiro sábado de outubro, mes no que se deseñan os horarios segundo as preferencias de cada de cada alumno ou alumna en dúas quendas, mañá ou tarde.

As materias de gaita, sanfona e canto teñen prazas limitadas polo tanto no caso do novo alumnado, aquel que realice o primeiro curso, fecharase matrícula según a orde de inscrición. O prezo de cada materia é de 127 € por curso, aínda que ademais das actividades formativas, o conservatorio folque tamén realiza diversas excursións, exposicións, charlas, conferencias, concertos abertos do alumnado e cursos Monográficos, entre outras actividades complementarias.

Ademais do ámbito da música e da súa historia, os asistentes aos cursos do conservatorio de música tradicional e folque de Lalín teñen acceso á biblioteca e fonoteca do CMTF, que conta con volumes especializados en música de raíz, antropoloxía musical, escena, teoria e método e cancioneiros. No que respecta ás distintas modalidades de cursar os estudos musicais neste centro, na súa web pódese consultar unha guía cos diferentes itinerarios posíbeis.

Como complemento aos coñecementos ofertados para os adultos, o conservatorio ten pensado introducir neste curso 2006-2007 tamén a escola folque infantil, para que os cativos poidan introducirse desde o máis cedo posíbel no mundo da música tradicional e folque galega.


0/5 (0 votos)