Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
XUNTO CON ANXO CARRACEDO E OLGA GALLEGO DOMÍNGUEZ

A Xunta premia a Pousa Antelo coa Medalla Castelao

As primeiras Medallas Castelao do novo goberno decidiron premiar o presidente da Fundación Castelao e un dos poucos galeguistas históricos da xeración anterior ao 36 que quedan en activo, Avelino Pousa Antelo. "O seu traballo a prol do desenvolvemento do agro en Galicia e a súa defensa e promoción dos valores galeguistas" son os argumentos que constan no decreto dado a coñecer hoxe polo Consello da Xunta, que tamén lle outorga a Medalla Castelao ao doutor Anxo Carracedo, especialista en estudos de xenética, e á arquiveira da RAG Olga Gallego Domínguez, que dende 1985 e durante dez anos foi a única muller académica neste organismo.

- 13:19 22/06/2006
Tags:

O Goberno galego aprobou na súa reunión de hoxe o decreto polo que se concede a Medalla Castelao 2006, coa que a Administración autonómica distingue aqueles galegos e galegas autores dunha obra merecente do recoñecemento do seu pobo no eido artístico, literario ou de calquera outra faceta da actividade humana. Foi creada en 1984 para conmemorar o retorno a Galicia dos restos de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao o 28 de xuño dese ano.

E tiveron que pasar 22 anos para que un dos poucos galeguistas que quedan pertencentes á xeración de Castelao, e ademais presidente da fundación que leva o seu nome, sexa galardoado con esta medalla. Avelino Pousa Antelo naceu en San Xoán de Barcala (A Baña-A Coruña), en 1914. Cursou seis anos na Universidade Pontificia Compostelá, maxisterio en Santiago, dous cursos de comercio en Lugo e xerente de cooperativas en Zaragoza. Afiliado ás Mocidades Galeguistas, tomou parte na propaganda do Gabinete de Comunicación do Estatuto de autonomía de 1936. Foi, ademais, agrarista e cooperativista, director da Escola Agrícola da Granxa Barreiros de Sarria e técnico de laboratorio do Cabildo Insular de Tenerife. Autor de numerosos artigos e libros, é presidente da Fundación Castelao dende o pasamento de Teresa Castelao.

Anxo Carracedo
A Xunta decidiu distinguir tamén o doutor Anxo Carracedo Álvarez coa Medalla Castelao "para recoñecer a súa valiosa contribución ao estudo da xenética, eido no que é recoñecido
internacionalmente". Nacido en 1955 en Santa Comba, Carracedo licenciouse en Medicina no ano 1978, obtendo o premio extraordinario de licenciatura e acadando o doutoramento no ano 1982. Anxo Carracedo completou a súa formación en Suecia, Estados Unidos e noutros países de América, Asia e Europa. Na actualidade é catedrático de medicina legal na Facultade de Medicina de Santiago. Foi director do Instituto de Medicina Legal de Santiago de Compostela, do Servizo de Xenética Forense e, desde 1999, da Unidade de Medicina Molecular da Fundación Ingo.

Olga Gallego Domínguez
A terceira galardoada é licenciada en filosofía e letras, na sección de historia, e pertence ao corpo facultativo de arquiveiros, bibliotecarios e arqueólogos. Ao longo da súa vida desempeñou diferentes cargos como directora do arquivo da Delegación de Facenda e da Biblioteca Pública de Vigo, directora do Arquivo Histórico Provincial de Ourense, presidenta do grupo de colaboradores Marcelo Macías do Museo Arqueolóxico de Ourense e académica de número da Real Academia desde 1985. Publicou diferentes obras e estudos, entre os que destacan Guía de fuentes documentales sobre montes de la provincia de Ourense; Archivo histórico provincial de Ourense. Catálogo de textos y disposiciones legales impresas; ou El archivo del monasterio de Celanova, entre outras.


0/5 (0 votos)