Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FILLO DE XAIME QUESSADA

O pasamento de Xaime Quesada Blanco deixa un baleiro na nova pintura galega

O pintor Xaime Quesada Blanco, fillo do tamén artista Xaime Quessada e da arquitecta María Xesús Blanco finou onte en Ourense aos 30 anos. Como referentes para a súa obra tiña a Kandinsky e a Vassarely, dos que herdou un grande amor polas cores vivas e pola ausencia de formalismos. Espuxo xa desde novo nas principais cidades galegas e dispúñase a preparar unha mostra en Estocolmo, logo de ter pasado tamén por outras cidades europeas.

- 14:42 22/06/2006
Tags:

O artista galego Xaime Quesada, autor de numerosas obras pictóricas, aínda que tamén escultóricas e muralistas, probou a revitalizar técnicas coma o constructivismo e o expresionismo abstracto sen deixar de empregar xeitos novos de traballo como os dixitais. Díxose amante da arte e amosouse como un gran ilustrador de cores, máis que de ideas ou grandes temas. Apostou tamén pola seriación nos seus cadros, mostra dos que escolleu como "mestres", Kandinsky e Vassarely.

De formación en Belas Artes pola escola madrileña de San Fernando, espuxo en Santiago, Coruña, Ourense, Vigo e tamén noutros países europeos coma Suecia, Alemania ou Noruega, ademais de estar a piques de inaugurar unha mostra en Estocolmo. Sempre respaldado pola familia, e coa experiencia que lle transmitiu o pai, Xaime Quessada, o mozo pintor galego deixa un legado de interese para a pintura do país.

Os seus restos van ser depositados hoxe no cemiterio de Señorín, no Carballiño, e o funeral celebrarase ás 18.45 horas no mesmo lugar. Marcha quen apostou pola liberdade creativa e a ausencia de serenidade, tamén o que buscou revitalizar a nova pintura galega gozando dela e cando se atopaba en plena etapa creativa.


5/5 (2 votos)