Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
MÚSICA AVANZADA E ARTE MULTIMEDIA EN BARCELONA

GJ: Sónar 2006 á galega con VJ Miguel Seoane e DJ Javier Rial

Os GJ, os ghalician jockeys, tamén están no Sónar 2006. O venres 16 o artista experimental vigués Miguel Sande presenta o seu software de VJ Perrogato no Centre dArt Santa Mònica e o día anterior o DJ compostelán Javier Rial pincha no MACBA. Unha oportunidade para seguirlle a pista ás novas expresións artísticas made in Ghalisia. Sónar é o festival internacional de música avanzada e arte multimedia de Barcelona e chega este ano á 13 edición cunha programación estresante e interesante.

- 11:16 14/06/2006
Tags:

O Sónar é unha das citas obrigadas e arriscadas do calendario barcelonés. As propostas de cultura experimental amoréanse e móstranse simultaneamente en diferentes espazos. Nesta programación tan intensa, na que ten un especial protagonismo o Xapón, inclúese unha proposta de VJ made in Ghalisia. Trátase de Perrogato v. 1.0, un software para a vídeo-creación en directo que permite traballar en tempo real con vídeo-loops, cámaras dixitais, efectos e xeradores de imaxes.

Miguel Seoane, MIG, conta cunha interesante traxectoria no eido da música. Acompañou a Pancho Álvarez, X.M. Budiño ou Sunset Boulevard e compuxo a música para documentais e curtametraxes. Mais o ámbito onde está máis cómodo é a arte e a música experimental, como a que se recolle en Unununio, que se pode descargar de balde na rede. É un dos fundadores de ALG-A, comunidade de arte libre, electrónica e net.art e xa presentou as súas creacións nas salas Octopus e Nasa de Compostela, ou no MARCO de Vigo. Forma parte do grupo de performers IGMIG (con Nacho Muñoz) e da plataforma experimental Ludd desde a súa creación en 2003 con músicos, performers e artistas visuais como Isaac Cordal e Roi Fernández. Con eles montou o inverno pasado a Ópera fonética forte.

Pola súa banda, Javier Rial é un DJ de referencia da noite compostelá no seu local, o pub La Radio. Caracterízase pola súa versatilidade e unha maleta chea de nujazz, deep/micro/acid house, broken beats e electrónica bailable.

Non esquezas mergullarte na web do Sónar 2006 e escoitar os rappers políglotas de Third world beats na sección "Música a la Carta" en Multimedia.

DJ Javier Rial, de La Radio (Compostela)
Xoves 15 de xuño ás 18:40
Sección SonarDôme en Sonar Concertos e DJs
MACBA
c/ Montealegre, 5 | Barcelona

VJ Miguel Seoane, de ALG-A (Vigo)
Venres 16 de xuño de 2006 ás 16:00
Sección Sonarama en Sonar Multimedia
Centre dArt Santa Mònica
Rambla de Santa Mònica, 7 | Barcelona


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: