Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O VIRUS MATOU A 2,8 MILLÓNS DE PERSOAS NO 2005

A cifra de novos infectados pola sida estabilízase por primeira vez na historia

Nacións Unidas presentou onte o seu informe sobre a evolución da sida correspondente a 2005 no que se reflicte unha "desaceleración" da epidemia a nivel internacional. Deste xeito, a incidencia de novos afectados polo virus do VIH parece estabilizarse por primeira vez en 25 anos de historia da enfermidade. Porén, o informe advirte de que segue a expandirse en algunhas rexións, como o África subsahariana, Europa do Este ou Asia Central. No 2005, 2,8 millóns de persoas morreron a causa da enfermidade mentres que máis de catro millóns se infectaron polo virus, que xa afecta a 38,6 millóns de cidadáns en todo o mundo.

- 08:03 31/05/2006
Tags:

"A epidemia a nivel internacional está crecendo a un ritmo máis lento do que o facía nos anos 90", asegurou o epidemiólogo da ONU Peter Ghys, durante a presentación do informe sobre a evolución da sida no 2005. O estudio lembra que o África subsahariana segue a ser a rexión máis afectada do mundo. Así, as dúas terceiras partes de todas as persoas afectadas polo VIH viven no África subsahariana, máis de 24 millóns durante o 2005.

Mentres a epidemia en Sudáfrica non deu mostras de reducirse, outros países africanos si lograron reducir a incidencia do virus na súa poboación. O número de infectados diminuíu en Kenia e Zimbabwe, así como en áreas urbanas de Burkina Faso. O informe destaca tamén un redución dos casos en Camboia e Tailandia, pero creceu en China, Indonesia e Vietnam. No 2005 India superou a Sudáfrica como o país máis afectado pola enfermidade en termos absolutos de persoas.

En España, 140.000 persoas viviron co virus no 2005. O informe da ONU sinala que a introdución de programas de tratamento con metadona e de intercambio de agullas durante os anos 90 reduciu notabelmente o número de infeccións entre os consumidores de drogas.


Ligazóns

0/5 (0 votos)