Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MÁIS DE TRES MILLEIROS DE CASOS EN TODO O ESTADO NOS ÚLTIMOS CINCO ANOS

Dúas ducias de galegos denunciaron presuntas torturas en 2005

A Coordinadora para a Prevención da Tortura presentou o pasado venres o seu informe anual relativo á situación da práctica da tortura e os malos tratos no Estado español. Esculca, o Observatorio para a defensa dos Dereitos e Liberdades, destaca o aumento dun doce por cento das denuncias en relación ao ano 2004. Dos 634 denunciantes en todo o Estado, 21 fixérono en Galiza. En total, a Coordinadora informa de máis de 3.000 posíbeis casos de tortura e/ou malos tratos no Estado desde o ano 2000.

- 14:54 29/05/2006
Tags:

O informe presentado o pasado 26 de maio pola Coordinadora para a Prevención da Tortura denuncia que polo menos 3.000 persoas puideron ser torturadas e/ou maltratadas no Estado español no que levamos de século XXI. Estes datos supoñen unha media de 600 persoas afectadas ao longo do ano por esta problemática, case dous ao día. Deste xeito, o Informe 2005 denuncia a persistencia da tortura e os malos tratos no Estado e considera que é fundamental a aplicación do Protocolo Facultativo da Convención das Nacións Unidas máis alá do plano institucional e que sexa a sociedade civil a encargada de velar polo seu cumprimento.

O informe reflicte denuncias en todas as comunidades autónomas, porén son Euscadi, Andalucía, Cataluña e Madrid onde se concentraron máis de dous terzos do total. Pola súa parte, Galiza foi o escenario de 14 denuncias. Se atendemos ás circunstancias das persoas que as presentaron, os grupos que xeraron máis denuncias foron os movementos sociais, os colectivos de inmigrantes e as persoas detidas en réxime de incomunicación. Noutro extremo, segundo o corpo de funcionarios que custodiaban á persoa no momento de producirse os feitos que orixinaron a denuncia, os resultados reflicten que practicamente todos os corpos policiais e de forzas da seguridade recibiron denuncias ao longo do 2005, especialmente o Corpo Nacional de Policía (69 casos), Policía Local (84) e Funcionarios de Prisión (62). Do total dos casos denunciados no 2005, o 16 por cento xa recibiron condena firme, un 52 aínda permanecen baixo investigación e o 31 por cento foron absoltos.


Documentos

0/5 (0 votos)