Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
CARA ÁS MUNICIPAIS

Santiago Domínguez ofrécese como alcaldábel para Vigo

O director xeral de Deporte da Xunta, Santiago Domínguez Olveira, ofreceuse nunha rolda de prensa a encabezar a lista do BNG en Vigo. A última palabra terana os militantes da fronte, que deberán decidir nunha asemblea local se apoian o ex-concelleiro para que sexa a fotografía do cartel. Domínguez recoñeceu erros na xestión nacionalista e anunciou que pretende abrir unha nova etapa da formación na cidade.

- 17:09 27/05/2006
Tags:

O director xeral do Deporte da Xunta, Santiago Domínguez Olveira, de 44 anos, anunciou publicamente a súa disposición a ser el candidato do BNG á alcaldía de Vigo nas vindeiras eleccións municipais. Santiago Domínguez xa contaría co prace do voceiro nacional do Bloque, Anxo Quintana, e agora cumpriríalle obter tamén o apoio da asemblea local da formación.

O nome de Domínguez xa fora barallado tempo atrás para ocupar a praza que deixou libre Pérez Castrillo, e incluso durante un breve período de tempo foi voceiro municipal do grupo nacionalista na Praza do Rei. Pero as súas iniciais reticencias abríronlle á porta a que xurdisen nomes como os do editor Manuel Bragado e a concelleira María Méndez, ademais da aposta máis continuista do actual voceiro municipal Xabier Toba.

Santiago Domínguez foi concelleiro de Deportes e Xuventude durante o período de alcaldía de Pérez Castrillo. Tivo palabras de loanza para o ex-alcalde, de quen dixo que fora "o mellor alcalde que tivo a cidade", pero tamén sinalou que se "cometeron erros, pero tamén moitísimos acertos" e que compartía con Anxo Quintana a visión de que "agora toca unha nova etapa". Dixo qye tiña vontade de "aprender dos erros do pasado" e anunciou unha lista e unha estratexia marcada pola renovación.

"Preséntome porque creo que lle podo achegar cousas interesantes á cidade", sinalou Domínguez, que tamén considerou que se abría "unha nova etapa ilusionante" porque "Vigo necesita un cambio". Finalmente, eludiu referirse a posíbeis pactos de gobernabilidade co PSdeG, e destacou que "as diverxencias non preocupan a xente, senón que haxa homes e mulleres dispostos a traballar". Santiago Domínguez non renunciará polo de agora ao seu cargo na Xunta, dende o que aínda onte presentaba o primeiro equipo profesional de ciclismo.


0/5 (0 votos)