Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
'AILLADOS', DE ANTONIO CAEIRO, PROXÉCTASE POR GALIZA

Para que San Simón non se esqueza

Foi lugar idílico e convento franciscano, pero tamén un dos peores campos de concentración do franquismo: a Illa de San Simón, na Ría de Vigo, albergou o sufrimento de 5.000 presos durante a Guerra Civil, e foi testemuño de fusilamentos e barbaries. Antonio Caeiro traballou durante varios anos recollendo o testemuño dos superviventes no documental Aillados. Neste Ano da Memoria, a Consellaría de Cultura e Deporte fai circular este filme por Galiza. Xa comezou en abril, e até finais de xuño seguirá percorrendo o país, para que a voz dos que padeceron a represión non quede silenciada no esquecemento.

- 12:37 24/05/2006
Tags:

Xa pasou por Pontevedra, Coruña, A Estrada, Silleda, Cangas, Vilagarcía e Celanova. O martes 23 ás 21:00 foi presentado no Teatro Principal de Compostela, e aínda ha pasar por Monforte (o 25 deste mes), Teo (o 27), Lugo (2 de xuño), Porto do Son (9), O Barco (10), Ferrol (15), Boiro (16), Marín (23) e Vigo (30).

Aillados pon fronte á cámara a cinco dos milleiros de presos que estiveron recluídos na Illa: Alfredo Bautista "Reisiño", Antonio Salvador Caja, Antonio Piñeiro, Xaquín Nores, Manuel Barros... E moita outra xente vencellada a aqueles feitos, como Teresa Blanco, que namorou dun dos presos durante as visitas ao seu rimán, con quen casou despois. A tensión de non saber cando ían morrer, as precarias condicións de hixiene e alimentación, a crualdade das humillacións e a rabia de sentir que non houbo xustiza son constantes ao longo das imaxes. O traballo de investigación de Antonio Caeiro, Juan A. González, e Clara Mª de Saá frutificou nesta xoia cinematográfica, que poderemos ver ao longo da xeografía galega até o verán.


0/5 (0 votos)