Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
POR SUPOSTA PREVARICACIÓN

Nove persoas detidas na operación policial contra da Deputación de Lugo

Un total de 9 persoas foron detidas esta mañá nunha espectacular operación policial na que media ducia de axentes da Policía Nacional entraron no pazo provincial lucense e arrestaron a dous xefes de servizo da Deputación, que resultan ser empregados ao tempo da compañía Senén Prieto Enxeñería S.L, empresa maiormente a adxudicataria das obras da institución luguesa, segundo informou a Radio Galega. Os 7 restantes son ex-empregados da Deputación e membros de dita empresa, entre os que se atopa o ex-funcionario José Manuel Romay López. O voceiro socialista na Deputación, Manuel Martínez, di que "pode haber intereses do PP para que a situación se mantivera como ata o de agora", tapada.

- 17:35 18/05/2006
Tags:

Martínez engadiu que o seu grupo tamén denunciou reiteradamente a connivencia do presidente da Deputación con este tipo de prácticas, pero non aventurou máis á espera de que sexa o propio Francisco Cacharro quen dea explicacións sobre o asunto, feito que aínda non se produciu. Ademais, El Correo Gallego recolleu as declaracións do coordenador da Executiva do BNG, Francisco Jorquera, nas que emprazou hoxe ao presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, a que "depure responsabilidades políticas" neste caso e definiu como increíble a existencia dunha trama de corrupción na Deputación luguesa.

A operación foi ordenada polo fiscal xefe de Lugo, Jesús María Izaguirre, e ten a súa orixe nunha denuncia presentada polo PSOE lugués hai uns meses por un presunto caso de prevaricación en relación coa empresa Senén Prieto Enxeñería S.L. Esta entidade é unha oficina técnica privada que traballa para a Deputación. Calcúlase que a empresa investigada podería ter acadado porcentaxes de ata o 95 por cento das obras contratadas pola Deputación. A policía tamén rexistrou a oficina desta empresa na que requisou máis de 6 caixas de documentación relacionada co caso.

Manuel Martínez aclarou que a denuncia do PSOE non era xudicial, senón que formaba parte das continuas denuncias aos medios que fixo o grupo provincial nesta lexislatura e na anterior, e que levarían ao fiscal a abrir dilixencias. En concreto referíase á acusación do PSOE de que a contratación de obras se facía no 90 por cento coa empresa Senén Prieto Enxeñería S.L., cuxo responsábel era un dos xefes de servizo detido.

A última hora da mañá o fiscal achegouse unha vez máis á Deputación, acompañado dun inspector de policía, doce axentes e o secretario do xulgado número 12 de Lugo, para facer unha nova inspección e reunirse con Cacharro Pardo. Ademais, logo desta visita á empresa, Izaguirre decididiu precintar o despacho do xefe do servizo de vías e obras, Alberto Fernández Pereira,que está ausente por atoparse de viaxe, segundo recolle La Voz de Galicia.

O coordenador da Executiva do BNG, Francisco Jorquera, emprazou hoxe ao presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, a que "depure responsabilidades políticas" neste caso e definiu como increíble a existencia dunha trama de corrupción na Deputación luguesa.

Así, por un suposto fraude na adxudicación de obras e polo presunto delicto de prevaricación que pesa sobre eles, preto dunha decena de empregados públicos foron apartados dos seus cargos, se ben, as cifras non son aínda definitivas debido a que a operación policial parece non estar aínda pechada.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: