Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
LINGUA E EDUCACIÓN

As galescolas "funcionarán en galego" pero o castelán poderá ocupar ata un 66% das horas

O 66% das horas que os nenos botarán nas garderías de Galiza poderían desenvolverse en castelán en función do que queiran os pais. Iso é o que se desprende das declaracións de Vicepresidencia en relación coa lingua vehicular das 'galescolas', que "respectará estritamente o que sinala o Plan de Normalización". Este documento, aprobado por unanimidade no Parlamento limita a posibilidade de que o galego sexa lingua vehicular das escolas infantís ás zonas galegofalantes, e fixa unicamente un terzo de mínimo para as zonas castelanfalantes.

- 17:17 16/05/2006
Tags:

As posibilidades para a normalización lingüística que abre a creación dunha rede de centros de ensino infantil (0-3 anos), as xa coñecidas como 'galescolas', vense limitadas por un Plan de Normalización aprobado por unanimidade no Parlamento pero promovido polo PP nun contexto educativo e político moi distinto.

O Plan de Normalización é ben ambiguo a este respecto nas súas medidas: "2.1.22. Establecer unha oferta educativa en galego en preescolar (0-3 anos) e na educación infantil para todos os nenos e nenas galegofalantes. 2.1.23. Fixar, como mínimo, un terzo do horario semanal en galego nestas etapas educativas para os contextos e contornos nos que a lingua predominante sexa o castelán, coa intención de que esta porcentaxe se vaia incrementando progresivamente." Porén, Vicepresidencia é moi clara ao confirmar que "as galescolas funcionarán en galego", pero engaden, iso si, que dentro do estrito marco que dita o Plan de Normalización. É dicir, alí onde os pais individualmente decidan que os seus fillos son castelanfalantes, o galego ocupará só un terzo das horas dispoñíbeis, mentres que os outros dous terzos serán en castelán.

Con todo, quedan por resolver numerosos fíos, entre eles qué acontecerá cando nun mesmo grupo algúns pais desexen o modelo galego e outros o modelo castelán. Tamén queda por resolver cómo se artella ese "cando menos" que fixa o Plan. Para Vicepresidencia, o obxectivo é situar ese terzo como limiar por abaixo e aumentar progresivamente a porcentaxe de galego conforme pase o tempo, pero está por ver se iso dependerá dunha revisión do Plan ou dunha interpretación do texto actual.

Non será menos importante determinar cales serán eses 'contextos e contornos' castelanfalantes. Imos cara a un modelo onde o rural terá garderías en galego e as cidades en castelán? Dende Vicepresidencia negan esa zonificación, e entenden que non se poden fixar estes espazos, sobreentendendo que toda Galiza é galegofalante, pero haberá que agardar pola aplicación efectiva para ver cómo se artellan estas solucións.

O decreto 247/1995
Aínda existe unha guía lexislativa máis para este ámbito, que é o famoso decreto 247/1995 que regula a presenza do galego no ensino. Nese documento, que ten máis de dez anos de antigüidade, sinálase que "na etapa de educación infantil e no primeiro ciclo da educación primaria os profesores e profesoras usarán na clase a lingua materna predominante entre alumnos e alumnas, terán en conta a lingua ambiental e coidarán que adquiran de forma oral e escrita o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia" (art.4). Este decreto reforza a tese contida no Plan, pero suprime os termos de "cando menos" e "progresivamente".

Ora ben, este decreto de galeguización do ensino, aínda vixente, foi promovido no seu momento pola Consellaría de Educación, e necesitaría dun consenso calquera medida que o afectase. Ben é certo que a lexislación establece que o primeiro treito de infantil, ata os tres anos, é competencia de Vicepresidencia, pero non é menos certo que este decreto está aínda vixente. É máis, a consellaría non cavila en promulgar un decreto novo ata 2007, logo da entrada en vigor da LOE (o que tamén suporá que non se aplique o 50% de galego no ensino obrigatorio que fixa o plan cando menos ata o curso 2007-2008).


0/5 (0 votos)